A voz dos alcaldes: “Os alcaldes somos servidores públicos, temos que defender as necesidades dos veciños”

O mandatario de Castro de Rei, Francisco Balado, lidera un goberno municipal cunha clara maioría absoluta na que se mantivo desde o ano 2011, cando recuperou a Alcaldía para o PP
PP Castro Francisco Balado
5 Sep 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política.

Os vínculos co partido xurdiron nas eleccións municipais do ano 1999, cando colaborei como interventor do PP na mesa electoral de Castro Ribeiras de Lea. Posteriormente continuei colaborando en todos os procesos electorais, tanto nas autonómicas como nas xerais e europeas. Os comezos en política chegaron no ano 2007, cando o alcalde Arturo Pereiro me propuxo formar parte da candidatura do PP de Castro de Rei, na que me incluíu como 3º da lista. Unha vez celebrados os comicios, o PP que gobernara durante case 19 anos, perdeu a maioría absoluta e pasou á oposición, a partir dese momento pasei a ocupar o posto de voceiro do Partido Popular e continuei así ata as seguintes eleccións.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?

O paso definitivo para ser alcalde, chegou no 2011. Naquel momento nomeáronme candidato á Alcaldía e tratei de compoñer a candidatura no contexto no que se atopaba o partido, xa que había certa división dende a perda da maioría absoluta. Ese ano gañamos por maioría absoluta.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno?

O principal sacrificio é o de dedicarlle moito máis tempo que calquera outra actividade que un poida desenvolver, o que nalgúns casos pode prexudicar á familia e ó ámbito persoal, xa que nos Concellos rurais a figura do alcalde adoita ser moi próxima, e a veciñanza agradece poder contactar co alcalde ou alcaldesa en momentos que a veces non coinciden co horario laboral habitual.

E beneficios?

O principal beneficio é a satisfacción que produce poder facer algo polo concello no que un vive e sobre todo poder levar a cabo o proxecto político que pensas que é o máis interesante, tendo en conta por suposto as necesidades reais e os sectores produtivos.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Procurando repartir o tempo e dedicar ao ámbito privado momentos que son necesarios.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

O principal obxectivo sempre dentro do ámbito municipal sería poder desenvolver o Concello naqueles eidos que vexo que poden mellorarse e que permitan modernizar o territorio e garantir o futuro da xente.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

Consolidar a ampliación do Parque empresarial para garantir o asentamento de industrias na zona. Tamén continuar mellorando a traída municipal de auga para achegala ás parroquias. Busco consolidar os proxectos de desenvolvemento urbanístico que actualmente se atopan en fase inicial e que permitirán a creación de zonas residenciais e continuar promovendo concentracións parcelarias.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Principalmente as destinadas á diversificación económica, tendo clara a idea de que o minifundio ten que desaparecer, se queremos ter un rural vivo, pero tamén coidamos moito o Parque Empresarial no que temos outro tipo de industrias, que permiten xerar importantes sinerxias económicas e manter unha oferta de emprego diversificada. Logo tamén as destinadas ao desenvolvemento urbanístico do Concello. Hai 6 anos que temos aprobado o PXOM e vemos que está a ser útil porque hai varias casas no Concello en construción, e mesmo temos algún plan especial presentado que desembocará en proxecto de urbanización para a construción de vivendas o que supón que cada vez está máis cerca a oferta de vivenda.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Actualmente tendo en conta o incremento das temperaturas e o cambio climático, a auga estase a converter nun problema para moitos concellos de Galicia, ben sexa pola súa escaseza, ben sexa pola dificultade de distribuila. No noso caso nunca sufrimos desabastecemento, pero si que temos problemas coa distribución, xa que cando hai vagas de calor os usuarios consumen máis auga da que se dá distribuído o Concello. Logo está a da vivenda, aínda que no noso caso contamos con moito solo dispoñible, e pouco a pouco a xente vai edificando nas distintas parroquias e mesmo temos un proxecto de urbanización en marcha en Castro Ribeiras de Lea, para desenvolver 10 hectáreas de solo, así como algunha promoción de vivendas de ámbito privado.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

A aprobación do PXOM, que creo que é fundamental en calquera concello que queira mira ao futuro e modernizarse. Tamén as melloras no abastecemento de auga, aínda que faltan máis. Outro é o proxecto das Zonas de Reestruturación Parcelaria de Triabá e Viladonga; a construción do campo de fútbol de adestramento de Castro Ribeiras de Lea ou a construción da EDAR urbana na mesma vila, que superou o millón de euros. Foi un proxecto moi importante porque a vila non estaba preparada para medrar, só tiñamos capacidade de vertedura para 1000 habitantes e nalgúns casos a CHMS non autorizaba a construción de vivendas, e coa súa reforma temos capacidade de vertedura para 4000 habitantes o que permite contemplar o crecemento da zona para os próximos anos. Tamén podo citar as áreas de autocaravanas, a renovación integral das beirarrúas, as reformas dos centros educativos ou a recuperación da Ruta da Via Rexia.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Unha persoa accesible, coa que poder falar cando sexa necesario, aínda que me consta que a maioría da veciñanza xa ten ese concepto de min, pero tamén estou convencido de que cada vez máis, os alcaldes temos que ter claro que somos servidores públicos, estar disposto a actuar en defensa das necesidades dos veciños.

Como é a súa relación coa oposición?

É boa, sempre foi boa, dende os inicios, os plenos son moi cordiais e sempre respectuosos, nunca hai saídas de ton, nin por parte deles nin por parte do equipo de goberno.


EN CLAVE PERSOAL

• Idade, estado civil e familiar
52, casado e con dous nenos de 11 e 8 anos
• Profesión e formación
Licenciado en Dereito, Máster en Práctica Xurídica
• E si non fora avogado, que lle gustaría ser?
Catedrático de Historia Antiga
• Que quería ser de maior?
Cando era neno sempre decía que notario, pero logo de acabar os estudos, vinme con poucas ganas para preparar a oposición
• Que fai para desconectar?
Non acostumo desconectar. O que fago é repartir o tempo, entre o traballo, descanso, familia e algo de tempo libre. Cando es alcalde dun concello do rural debes estar dispoñible todo o día. Eu nunca apago o teléfono
• Unha virtude e un defecto
Intentar aprender cada día un pouco. Defectos teño moitos máis, sempre estou pensando en varias cousas á vez e iso a veces prodúceme inconstancia e agobio
• Un consello para compartir
Que a xente aproveite cada día que empeza, tratando de facer cousas útiles, e procurando ser felices
• Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
O Código Davinci de libros e O nome da Rosa de película. Logo gústame moito a música natural
• Unha afección
Investigar e afondar na historia de Castro de Rei
• Un lugar que visitar
O Castro de Viladonga
• Unha comida e unha bebida
Bola de liscos e viño
• Unha persoa admirada
A nai
• Unha posesión prezada
A colección de zocas que teño dende hai anos
• Un desexo
Ter saúde e unha longa vida
• Algo para esquecer
Un accidente no 2004
• Que é o que máis valora nunha persoa?
A confianza
• Un desafío pendente
Tirarme en paracaídas
• Onde se ve en cinco anos?
Continuando na avogacía

0.29634714126587