A voz dos alcaldes: 'Os intereses de Ordes están por encima de todo'

José Luis Martínez Sanjurjo repasa a súa chegada á política, os proxectos impulsados desde 2015 e os retos que marca para seguir ampliando servizos e mellorando a calidade de vida no municipio
ALCALDE ORDES
13 Sep 2026

O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, defende a política como unha vocación de servizo e asegura que o seu obxectivo segue sendo facer do municipio un lugar máis atractivo para vivir. Na entrevista, reivindica fitos como a aprobación do PXOM, a humanización de rúas, as melloras en servizos básicos e os 45 millóns de euros de investimento público mobilizados desde a súa chegada á Alcaldía, ao tempo que marca novos retos como a ampliación da rolda Sur-Oeste, da depuradora, da residencia da terceira idade ou do parque empresarial de Merelle.

Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido?
Desde cativo, sempre me interesou a política como palanca para axudar á xente. Ese interese acentúase na adolescencia, cun achegamento que se materializou tempo despois, en marzo do ano 2010, cando se formou a xestora local no PP de Ordes e todo foi moi rápido, pois no outono xa me propuxeron para encabezar a candidatura do Partido Popular nas Municipais de 2011.

Como deu o salto e recibiu o impulso para ser alcalde?
Como dicía, foi no ano 2010, cando Partido Popular decidiu constituír unha xestora para relanzar o noso proxecto político a nivel local co obxectivo de recuperar a Alcaldía de Ordes. Aquela aposta pola renovación funcionou moi ben porque conseguimos gañar as Eleccións Municipais e recuperar a Alcaldía catro anos máis tarde ao ser a lista máis votada, na convocatoria do 2015.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno?
Ser alcalde nunca á un sacrificio e quen o vexa como sacrificio está completamente equivocado. É unha vocación á que se accede de maneira voluntaria previo paso polas urnas. Ser alcalde é unha honra porque che permite traballar ao carón da xente para tentar mellorar a calidade de vida da veciñanza. Tentar facelo ben esixe esforzo e dedicación, pero fágoo encantado. Ademais, sen esforzo nada é posible, en ningún ámbito. Nin no político, nin no profesional nin no persoal.

E beneficios?
O privilexio de traballar ao carón da xente e de poder coñecer a moitas persoas, en diferentes ámbitos. E, por suposto, a satisfacción de conseguir materializar proxectos que redunden en beneficio da veciñanza.

Como equilibra a vida pública e a privada?
Supoño que facendo malabares, como todas as persoas que teñen obrigas familiares. E procurarando sempre que o tempo compartido en familia sexa de calidade.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Como alcalde de Ordes, o meu obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas que residen neste Concello e incrementar a oferta de servizos públicos para, na medida do posible, facer de Ordes un lugar atractivo para vivir.

E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?
Varias delas xa están perfiladas, como a ampliación da rolda Sur-Oeste de circunvalación da vila, conectando a saída sur da estrada N-550 coa zona do Valado, para desviar tráfico do núcleo urbano, a humanización de novas rúas como, especialmente na zona do barrio do Recreo, a ampliación Estación de Tratamento de Auga Potable de Buscás, a ampliación da Depuradora, a ampliación do parque empresarial de Merelle a inicio do polígono industrial en Pardiñas, a construción de vivendas públicas e de protección autonómica, a ampliación da residencia da terceira idade ou a construción dunha nova residencia xunto cun multiusos e espazo verde na zona do Piñeiro, entre outras. Como ve, temos proxectos, temos ideas e temos forza para facelas realidade.

Cales son as principais liñas do seu programa?
As que acabo de sinalar, procurando ofrecer servizos públicos de calidade en todos os ámbitos, tanto na vila como nas parroquias. Refírome a medidas que permitan a conciliación (escolas infantís, residencia da terceira idade, mellores locais sociais,...), equipamentos de calidade (abastecemento, saneamento,...), un polígono empresarial en expansión, boas vías de comunicación, rúas humanizadas nas que a xente se sinta cómoda, e así sucesivamente.

A isto súmase a aposta polas instalacións deportivas, a mellora da rede viaria e a colaboración con outras administracións, imprescindible para sacar adiante investimentos e proxectos que permitan seguir avanzando como concello.

De que proxectos se sente máis orgulloso?
Resulta complicado responder, porque cada un responde a unha necesidade concreta. A aprobación do PXOM foi un auténtico fito na medida en que nos permite programar o crecemento urbanístico do Concello a curto e medio prazo, con previsión e seguridade xurídica, pero hai moitas outra actuacións destacadas: a humanización das rúas, a ampliación das redes de abastecemento e saneamento, a nova gardería infantil, o novo auditorio da casa da cultura, a ampliación do centro de saúde, incluíndo unha unidade móbil de radiodiagnóstico, as melloras nos centros educativos, os campos de fútbol e os pavillóns polideportivos, a mellora e ampliación da rede de centros sociais nas parroquias. E así ata completar un longo etcétera.
Desde o ano 2015, no que asumín a Alcaldía, a suma de investimentos públicos en Ordes alcanza os 45 millóns de euros.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Unha persoa próxima que pon o mellor de si cada día para facer que Ordes e a súa xente avancen.

Como é a súa relación coa oposición?
Variable, como a meteoroloxía. No plano persoal, é correcta, e creo que todos debemos esforzarnos neste sentido. Somos contrincantes, nunca inimigos. No plano político xa é outra cousa. Moitas veces teño a sensación de que antepoñen a ideoloxía e os intereses políticos a todo o demais. Para min, os intereses de Ordes están por encima de todo. Son prioridades diferentes.


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade, estado civil e familiar
    49 anos, casado con Lucía e pai de Paula.
  • Profesión e formación
    Enxeñeiro Técnico Forestal e Auxiliar en Topografía.
  • E se non foras Enxeñeiro Técncio que che gustaría ser?
    Calquera profesión que supuña contacto co ámbito rural, no que me educaron e onde vivo.
  • Que querías ser de maior?
    Sendo neno creo que sempre aspirei a ser deportista profesional, pero a vida levoume por outros derroteiros. E non me arrepinto en absoluto.
  • Que fas para desconectar?
    Ver cine dos 80 e dos 90; e saír en bici.
  • Unha virtude e un defecto
    Como virtude diría a ansia de mellorar continuamente. E como defecto, a falta de paciencia cando as cousas non saen como me gustaría ou coa dilixencia necesaria.
  • Un consello para compartir
    A familia sempre primeiro.
  • Un libro
    Máis que un libro, recomendaría unha colección: TEX de Buru Lan (anos 70)
    E calquera das tres novelas de Iglesias Turnes, que relata a vida da Galicia Rural desde mediados do século pasado.
  • Unha película
    Sen dúbidas as preferidas son 'El Padrino' e 'Cadena Perpetua'. Pero tamén todas as de 'Star Wars'.
  • Un grupo de música/cantante
    Héroes del Silencio.
  • Unha afección
    Ir a Riazor ver o Depor sempre que poido.
  • Un lugar que visitar
    Teño pendente poder ir a Nova York. E dentro de Galicia recomendo sempre o canón do Sil, pero moitos na nosa 'Galicia Calidade'.
  • Unha comida e unha bebida
    Onde esté un bo chuletón ao punto, nada que engadir. E de bebida levo un tempo apostando moito pola auga con gas.
  • Unha personaxe admirada
    Fernando Martín.
  • Unha posesión preciada
    As fotos de meu pai, ao que perdín con 14 anos.
  • Un desexo
    Saúde para os meus.
  • Algo para esquecer
    O 18 de xaneiro de 1992, o triste día que vin falecer a meu pai.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    A lealdade.
  • Un desafío pendente
    Tirarme en paracaídas.
  • Onde te ves en cinco anos?
    Non teño esa resposta, son firme defensor do día a día. 'Carpe diem'.
0.33127403259277