A voz dos alcaldes: “Quero que os mozos teñan futuro aquí e que Friol siga a ser un referente na provincia”

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Inicieime na política no ano 2007, sendo moi novo e coa ilusión de traballar polo meu concello. Sempre estiven moi ligado ao rural, ao sector agrogandeiro e ás necesidades da nosa xente. Por aquel entón o anterior alcalde, Antonio Muiña e o seu equipo do Partido Popular ofreceume a oportunidade de participar nun proxecto no que me sentía identificado e desde entón fun asumindo distintas responsabilidades.
Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?
Foi un proceso natural. Primeiro fun concelleiro de Medio Rural, despois de Obras e máis tarde tenente de alcalde. Esas responsabilidades permitíronme coñecer cada parroquia e cada problema do municipio. En 2015 recibín a confianza do partido e dos veciños para encabezar a candidatura e converterme en alcalde.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Supón renunciar a moitas horas de descanso e de vida familiar. Ser alcalde nun concello como Friol significa estar dispoñible practicamente as 24 horas do día para atender as necesidades dos veciños.
E beneficios?
O beneficio máis grande é ver que o traballo dá resultado. Cando un proxecto se converte nunha realidade ou cando un veciño che transmite o seu agradecemento, todo o esforzo paga a pena.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Non sempre é fácil. Ademais da alcaldía sigo vinculado á miña explotación gandeira, polo que a organización e contar cun bo equipo son fundamentais para poder compaxinar ambas responsabilidades.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Seguir defendendo o rural e demostrar que vivir e emprender nun concello como Friol é unha oportunidade. Quero que os mozos teñan futuro aquí e que Friol continúe sendo un referente na provincia.
E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?
Continuar impulsando o desenvolvemento económico, mellorar infraestruturas e servizos, seguir apoiando o sector primario e consolidar proxectos sociais e asistenciais que están chamados a marcar un antes e un despois no municipio.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Emprego, apoio ás empresas e aos autónomos, mellora das comunicacións, servizos para as familias, atención aos maiores e políticas que favorezan a fixación de poboación.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
A principal batalla segue sendo o reto demográfico. Necesitamos seguir creando oportunidades para que a xente nova poida desenvolver aquí o seu proxecto de vida.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
É difícil escoller un só. Destacaría o impulso ao polígono industrial, as iniciativas pioneiras de apoio ao sector agrogandeiro, os servizos de conciliación familiar, o complexo fluvial e o Centro de Atención Integral para Persoas con Autismo, e outros que están de camiño.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Un alcalde próximo, accesible e traballador. Alguén que coñece a realidade do municipio porque a vive día a día e que intenta resolver os problemas con sentido común.
Como é a súa relación coa oposición?
Desde o respecto institucional. Cada un defende as súas ideas, pero creo que todos debemos ter como prioridade os intereses de Friol por riba das diferenzas políticas.
EN CLAVE PERSOAL
• Idade, estado civil e familiar
Teño 45 anos, casado con dous fillos, sendo a familia un dos piares fundamentais da miña vida
• Profesión e formación
Técnico capataz agrícola e gandeiro de profesión
• E si non fora gandeiro, que lle gustaría ser?
Gandeiro, porque é a miña vocación
• Que quería ser de maior
Sempre me gustou o mundo rural e a agricultura
• Que fai para desconectar?
Pasar tempo coa familia e atender a explotación
• Unha virtude e un defecto
Aínda que tivera algunha, creo que non son o indicado para dicir as miñas virtudes, son bastante constante e demasiado perfeccionista
• Un consello para compartir
Traballar con humildade e escoitar sempre aos demais
• Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
A música tradicional galega en xeral
• Unha afección
O mundo rural e a gandería
• Un lugar que visitar
Galicia, porque temos un patrimonio único
• Unha comida e unha bebida
Queixo e Pan de Friol con un Mencía
• Unha persoa admirada
As persoas que, sen facer ruído, traballan cada día polos demais
• Unha posesión prezada
A miña familia
• Un desexo
Que Friol siga medrando e tendo futuro
• Algo para esquecer
Os momentos difíciles que afectaron ás familias do meu concello
• Que é o que máis valora nunha persoa?
A honestidade e a palabra dada
• Un desafío pendente
Seguir xerando oportunidades para as novas xeracións no rural
• Onde se ve en cinco anos?
Gandeiro e traballando con ilusión polo futuro de Friol, desde a responsabilidade que naquel momento me toque asumir