A voz dos alcaldes: “Vivir en Begonte deixou de ser un atranco para converterse nunha oportunidade”

O alcalde begontino ultima a súa cuarta lexislatura con maioría absoluta, ante unha oposición escasa, e non dubida en seguir adiante
jose-ulla-alcalde-de-begonte
5 Jul 2026

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?

Vivín a política dende neno na casa porque, meu pai foi pedáneo e iso xunto coa ilusión e as gañas de transformar o Concello onde nacín, vivo e desenvolvo a miña actividade profesional, fixeron que aceptara a oferta que me fixo José Pena Rábade no ano 1999 para formar parte da candidatura do PP e dende ese ano fun concelleiro e tenente de alcalde 8 anos. Logo co seu retiro, que os meus compañeiros e compañeiras de corporación apostasen por min para encabezar a candidatura do PP nas eleccións do 2007 foi fundamental para dar ese paso, aínda que, gañando as eleccións non acadamos a maioría absoluta. Os 4 anos na oposición foron unha aprendizaxe importante de cara a ter unha visión distinta da política municipal e un acicate para conseguir dende o ano 2011 catro maiorías absolutas.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno?

O Sacrificio con maiúsculas sempre é a familia e o tempo que deixas de dedicarlles e compartir. Como todo a vida non deixa de ser unha carreira de obstáculos que vas superando día a día. Creo firmemente nos equipos de traballo e creo que esa é a clave do éxito destes anos, xunto co magnífico traballo dos funcionarios e traballadores do Concello.

E beneficios?

A política é vocación de servizo público e ninguén debería ser político para beneficiarse a si mesmo. A política municipal dáche a oportunidade de transformar o teu pobo e traballar polos teus veciños e veciñas, non hai nada máis gratificante. Por desgraza a falta de recursos e de colaboración doutras administracións condicionan moito a acción de goberno e aí e onde se demostra o traballo e a valía á hora de xestionar e conseguir, tanto o financiamento como a execución da maioría dos proxectos.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Un nunca deixa de ser alcalde as 24 horas do día pero, a miña actividade privada como veterinario polas tardes, dáme a oportunidade de percorrer todo o Concello e coñecelo como a palma da man. Axúdame a desconectar, por suposto é a miña vocación e a actividade económica principal e o día que os veciños e veciñas decidan deixar de darme a súa confianza será de novo ao que me dedique as 24 horas do día polo que non teño ningunha atadura á política máis aló do servizo público.

Cales son os seus obxectivos?

A nivel persoal e político non teño ningún obxectivo máis aló da Alcaldía de Begonte. A día de hoxe sería moi difícil que alguén me poda convencer para deixar a política municipal por algún outro posto noutra administración. Sen dúbida traballar para que o meu partido goberne a Deputación de Lugo, a Xunta e o Goberno Central son obxectivos irrenunciables para min.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

É fundamental fixar poboación, tanto para evitar que a xente moza marche como atraer xente de fóra, por iso traballaremos para que a campaña “Vivir en Begonte” siga sendo un éxito e dotando de máis solo edificable. Seguir implementando e mellorando servizos como educación, benestar, conciliación, deporte, cultura.... e por suposto crear postos de traballo, para iso a ampliación xa en marcha do polígono de Begonte e o agardado desenvolvemento do polígono de Pacios-Baamonde son fundamentais. Tampouco debemos esquecer aos nosos maiores, cada ano destinamos moitos recursos a dependencia. Dispoñemos dun centro de día e agardamos contar cunha residencia de maiores en breve.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Sempre foi ser realista e prometer o que podes cumprir. Cada ano executamos máis do 100 % do orzamento, sen comprometer economicamente ao Concello. Iso permitiunos ter un nivel moi alto de servizos e seguir mellorando. Manter e mellorar eses servizos é algo que non podemos descoidar e despois seguir avanzando nas políticas e servizos destinados a xente moza e ós nosos maiores. Sempre dende o punto de vista dun Concello que quere ter as comodidades e servizos dunha gran cidade nun entorno rural e privilexiado. Vivir en Begonte deixou de ser un atranco para converterse nunha oportunidade.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Sobre todo máis financiamento, máis recursos e máis autonomía á hora de plantexar reformas e tomar decisións. Ninguén mellor que os begonteses e as begontesas sabemos cal é o mellor para o noso pobo e dificilmente dende outros lugares coñecen a nosa realidade coma nós.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

De todos e cada un, dende o máis grande ó máis pequeno pero, se teño que destacar algo sería a reforma e ampliación da praza e casa do Concello; a reforma educativa e de instalacións xunto coa escola infantil e a urbanización de toda aquela zona, e, por último, a iniciada reforma do pavillón de Baamonde.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

A mesma persoa que lles pediu o seu voto a primeira vez. A mesma persoa que segue tendo a ilusión e as gañas de traballar polo seu pobo e a súa xente e que prioriza iso sobre calquera outra cousa. Que perciban que o día que perda esa ilusión e esas gañas será o primeiro que dea un paso ó carón e marche para a súa casa e a súa profesión.

Como é a súa relación coa oposición?

Fóra do salón de plenos creo que teño boa relación e quedoume amizade con moitos e moitas que xa non están. Dentro, cada un defende as súas ideas pero sempre dende a cordialidade e o respecto e para min sempre son rivais políticos pero nunca inimigos.


EN CLAVE PERSOAL

• Idade, estado civil e familiar
55 anos , casado e cun fillo
• Profesión e formación
Licenciado en veterinaria
• E si non fora veterinario, que lle gustaría ser?
Seguramente, médico
• Que quería ser de maior
Médico que mudou a veterinario na adolescencia
• Que fai para desconectar?
Sobre todo deporte
• Unha virtude e un defecto
Capacidade de traballo e esforzo. Defectos, moitos
• Un consello para compartir
Vive cada día como se fose o último
• Un libro, unha película ou/e un grupo de música/cantante
É difícil escoller.... pero O Principiño, La vida es bella, de Benigni. A música pop, pero sobre todo a dos oitenta ou noventa
• Unha afección
Calquera deporte pero sobre todo correr e o pádel neste momento
• Un lugar que visitar
Cada recuncho de Begonte
• Unha comida e unha bebida
Unha boa tortilla con ovos da casa, por suposto sen cebola. A auga e se é dunha fonte un día de calor, insuperable
• Unha persoa admirada
De todos podes aprender algo, sempre sen perder a identidade e sen seguir ó rebaño
• Unha posesión prezada
A familia
• Un desexo
Saúde
• Algo para esquecer
A perda das persoas queridas
• Que é o que máis valora nunha persoa?
A amizade e a sinceridade
• Un desafío pendente
Pasar mais tempo coa familia
• Onde se ve en cinco anos?
A nivel político onde os veciños queiran e onde a saúde mo permita

0.41844201087952