A Xunta abre a convocatoria para que os concellos se sumen á campaña de prevención da violencia machista ‘Agresión off’

A Xunta de Galicia abre este luns, 19 de xaneiro, unha nova convocatoria para que os concellos galegos se adhiran á campaña de prevención e sensibilización contra a violencia machista Agresión off.
Esta iniciativa, impulsada en 2021 polo Goberno galego, ten como obxectivo informar á cidadanía sobre a violencia de xénero e fomentar a reflexión social, o diálogo e a detección temperá de calquera manifestación de violencia contra as mulleres. A través de puntos informativos instalados en rúas, centros educativos e outros espazos cotiáns, a campaña ofrece ferramentas básicas para identificar condutas machistas e promover relacións baseadas no respecto e no bo trato.
Agresión off está especialmente dirixida á mocidade, ao considerarse un dos colectivos máis vulnerables, co propósito de impulsar modelos de relacións afectivo-sexuais saudables, libres de estereotipos de xénero e afastadas de calquera forma de violencia.
Na edición de 2025, a campaña contou cunha ampla participación institucional e cidadá. Máis de 4.000 persoas achegáronse aos stands informativos instalados en 35 concellos de toda Galicia, cunha destacada presenza de municipios do ámbito rural. Desde a Xunta destacan a boa acollida da iniciativa e agradecen a implicación das administracións locais na loita contra a violencia de xénero, animándoas a renovar o seu compromiso con accións de sensibilización que contribúan a construír unha Galicia máis igualitaria e respectuosa.