A Xunta abre este luns o prazo de matrícula nas Escolas Oficiais de Idiomas para o curso 2025-26

A Xunta de Galicia abre este luns o prazo de matrícula nas Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) para o curso académico 2025-2026. Así se recolle na resolución publicada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que regula o proceso de preinscrición, admisión, matrícula e organización académica nestes centros.
O alumnado de continuidade, que resulte apto na convocatoria común de probas e desexe seguir os seus estudos no mesmo idioma e escola, poderá matricularse entre o 9 e o 23 de xuño. Para a convocatoria extraordinaria, o prazo de matrícula será do 27 de xuño ao 7 de xullo.
As persoas de novo ingreso deberán realizar unha preinscrición en liña entre o 16 de xuño e o 7 de xullo, podendo escoller ata dous idiomas e priorizar ata tres grupos por idioma. As prazas adxudicaranse mediante sorteo público o 9 de xullo ás 9:00 h na EOI de Vigo. As persoas que obteñan praza deberán formalizar a súa matrícula entre o 10 e o 21 de xullo.
A matrícula será obrigatoriamente en liña en todos os casos. Unha vez finalizado o proceso, ata o 19 de setembro, as escolas poderán cubrir prazas vacantes cos listados de espera ou con novas solicitudes que non participaran na preinscrición inicial, sempre que non existan listas pendentes.
Na actualidade, a rede de Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia conta con 11 centros e oferta formación en 11 linguas diferentes: alemán, árabe, chinés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, xaponés, español para estranxeiros e galego.
Para acceder á formación é necesario ter cumpridos 16 anos no ano natural no que se inician os estudos. Non obstante, as persoas con 14 anos cumpridos poderán cursar un idioma distinto ao que estudan como primeira lingua estranxeira na ESO.