A Xunta abre o luns o prazo de solicitudes para un intercambio xuvenil con Xapón

15 mozos e mozas de 18 a 30 anos poderán participar do 7 ao 12 de setembro nunha estadía na Prefectura de Wakayama, irmanda co Camiño de Santiago.
Estudantes Xapon
22 May 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia abrirá este luns, 26 de maio, o prazo de inscrición para a cuarta edición do programa “A xuventude no mundo”, que leva a un grupo de mozos e mozas galegos á Prefectura de Wakayama, en Xapón, do 7 ao 12 de setembro.

O intercambio destínase a persoas de entre 18 e 30 anos, residentes en Galicia, que non participaran antes doutro intercambio ao mesmo destino, e ten como obxectivos:

Descubrir novas realidades socioculturais e lingüísticas

Potenciar a comprensión da diversidade cultural

Fomentar habilidades e competencias non formais para o desenvolvemento persoal

A convocatoria dispón de 15 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición ata o 30 de maio ou esgotar o número de participantes. As solicitudes tramitaranse de xeito electrónico a través do portal Xuventude.gal, onde tamén se pode consultar a normativa e os requisitos.

Trátase da cuarta edición dun programa iniciado en 2019 e que xa celebrou edicións en 2023 e 2024, que mantén viva a colaboración bilateral entre Galicia e a Prefectura de Wakayama, cuxo Camiño Kumano está oficial e simbolicamente irmandado co Camiño de Santiago.

⚙ Configurar cookies
0.10409188270569