A Xunta abre o prazo de inscrición no programa ‘Xuntos polo Nadal’ para persoas maiores que viven soas

A Xunta de Galicia mantén aberto desde hoxe e ata o próximo 26 de novembro o prazo de inscrición no programa Xuntos polo Nadal, dirixido a persoas de 60 anos ou máis que viven soas e desexan pasar as festas de Nadal en compañía. En total, ofrécense 270 prazas nas Residencias de Tempo Libre de O Carballiño e Panxón.
A residencia de O Carballiño dispoñerá de 130 prazas, destinadas a participantes das provincias de Pontevedra e Lugo, mentres que a residencia de Panxón (Nigrán) contará con 140 prazas, para solicitantes das provincias da Coruña e Ourense.
O programa desenvolverase entre o 23 de decembro de 2025 e o 7 de xaneiro de 2026, con tres opcións de estancia:
Do 23 de decembro ao 7 de xaneiro (16 días)
Do 23 ao 30 de decembro (8 días)
Do 31 de decembro ao 7 de xaneiro (8 días)
A iniciativa inclúe aloxamento e manutención en pensión completa, desprazamento en autobús ás residencias e regreso, así como actividades de animación sociocultural.
Requisitos e proceso de selección
As persoas solicitantes deben ter 60 anos cumpridos, estar empadroadas en Galicia, vivir soas e non ter con quen pasar as festas, ademais de valerse por si mesmas. Para a selección darase preferencia ás persoas que perderon cónxuxe ou parella nos últimos dous anos, ás de maior idade e a quen non participasen en edicións anteriores.
Presentación de solicitudes
As solicitudes poden presentarse preferentemente por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén é posible facelo de maneira presencial.
A documentación debe incluír a declaración responsable e o informe social nos modelos oficiais da convocatoria.