A Xunta abre o prazo para empresas interesadas en sumarse ao programa EBici, que ofrece axudas de ata 700 euros para bicicletas eléctricas

O Goberno galego destina 1,7 millóns de euros á nova convocatoria do programa EBici, que subvencionará bicicletas eléctricas e dispositivos adaptados para cadeiras de rodas. O prazo para empresas xa está aberto e o das persoas usuarias comeza o 16 de maio.
ebici
4 May 2025

A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo para que os comercios interesados poidan adherirse á nova convocatoria do programa EBici, co que o Goberno autonómico busca fomentar a mobilidade sostible subvencionando a compra de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas.

O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 31 de agosto de 2026, a través da páxina web ebici.xunta.gal. Poderán participar todos os establecementos abertos ao público en Galicia que se adiquen, total ou parcialmente, á venda de bicicletas.

A convocatoria está dotada con 1,7 millóns de euros, distribuídos entre os anos 2025 (1 millón) e 2026 (700.000 euros). A iniciativa tamén pretende dinamizar o comercio local, especialmente nas pequenas tendas.

As persoas usuarias poderán solicitar as axudas desde o 16 de maio ata o 13 de novembro de 2026 ou ata esgotar o crédito dispoñible. Deberán facelo a través dunha entidade colaboradora adherida, que será a encargada de formalizar a solicitude de xeito electrónico.

As axudas cubrirán o 50 % do prezo, cun máximo de 500 euros. No caso de familias numerosas, a subvención poderá chegar ao 60 % e un máximo de 600 euros, e nas familias numerosas de categoría especial ou persoas con mobilidade reducida, ata o 70 % e 700 euros.

Desde o lanzamento do programa en 2022, máis de 5.300 persoas beneficiáronse destas axudas e 167 empresas sumáronse como entidades colaboradoras. Por provincias, Pontevedra lidera as axudas concedidas, con 2.870 e 1,4 millóns de euros, seguida da Coruña, Ourense e Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.11939096450806