A Xunta abre o prazo para solicitar as subvencións de equipamento deportivo cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros

A Xunta abre o prazo de solicitude das subvencións para equipamento deportivo, cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros. Os clubs, federacións e sociedades deportivas poderán solicitar axudas para mobilidade e material técnico.
Equipamiento Deportivo
6 Jun 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que regula as subvencións para a adquisición de equipamento deportivo para o ano 2025, cun orzamento total de 1.440.000 euros. Estas axudas van dirixidas a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e federacións galegas, e permitirán adiantos de ata o 100 % da contía concedida.

A distribución do crédito establecerase en dúas liñas: unha para clubs e sociedades deportivas (1.162.000 €) e outra para federacións deportivas (278.000 €). En ambas, destinarase ata o 40 % do orzamento á adquisición de vehículos de mobilidade como furgonetas ou embarcacións para o transporte de deportistas e materiais.

A contía máxima subvencionable será de 10.000 euros para equipamento de mobilidade e de 5.000 euros para outro tipo de material técnico, cubrindo a Xunta o 80 % do custo total.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente de forma telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o formulario normalizado (anexo III). O prazo de presentación é dun mes contado a partir de mañá, e os proxectos deberán executarse e xustificarse antes do 31 de outubro de 2025.

Estas axudas enmárcanse na aposta do Goberno galego polo deporte, sumando desde 2019 máis de 12 millóns de euros destinados a equipamento deportivo. En 2022 acadouse o récord histórico con máis de 4,6 millóns de euros e en 2023 lanzouse a primeira orde específica para deporte adaptado, con 227.000 euros concedidos.

⚙ Configurar cookies
0.29050898551941