A Xunta abrirá o 8 de setembro o prazo para pedir o Bono Concilia Familia

A conselleira Fabiola García anunciou que as familias poderán solicitar estas axudas, que chegan ata os 500 €, para cubrir servizos de conciliación como campamentos ou ludotecas.
Conciliacion
12 Aug 2025

A Xunta abrirá o 8 de setembro o prazo para solicitar o Bono Concilia Familia, unha orde de axudas dotada con máis de 2,5 millóns de euros. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, durante a súa visita ás instalacións de Galipark Multiaventura, en Padrón, onde moitos nenos e nenas participan en campamentos e actividades nos períodos non lectivos.

O Bono Concilia Familia é unha achega económica directa para que as familias con fillos e fillas de ata 13 anos e nas que ambos proxenitores traballan poidan sufragar o custo de servizos de conciliación como coidadores a domicilio, ludotecas ou campamentos. As axudas chegan ata os 500 € no caso de contratación dunha persoa a domicilio e ata 200 € por menor para cubrir recursos e servizos específicos.

Como novidade, este ano as familias poderán coñecer a convocatoria con antelación, xa que se publicará no Diario Oficial de Galicia en agosto, abríndose o prazo de solicitude o 8 de setembro. Ademais, nas familias de especial consideración —monoparentais, numerosas, de acollida ou con algún membro con discapacidade— a achega poderá cubrir o 100 % do custo.

Fabiola García salientou que esta medida pioneira é unha aposta do Executivo galego para que “a conciliación estea ao alcance de todas as familias”, garantindo recursos de proximidade que permitan compatibilizar vida laboral, persoal e familiar.

⚙ Configurar cookies
0.16448187828064