A Xunta activa a alerta vermella por chuvia no interior de Pontevedra e laranxa en Ourense

Suspéndense as clases e o transporte escolar este luns no interior de Pontevedra e a actividade exterior e deportiva en varias zonas de Ourense polo temporal.
Temporal-Herminia-LU-P-1701
26 Jan 2026

A Xunta de Galicia activou para o día de hoxe, luns 26, a alerta vermella por chuvia no interior da provincia de Pontevedra e a alerta laranxa no noroeste, sur e zona do Miño da provincia de Ourense. Ademais, mantense a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.

Segundo os organismos predictores, poderían rexistrarse precipitacións acumuladas de até 150 mm en 12 horas no interior de Pontevedra, mentres que nas zonas afectadas de Ourense poderían acadarse 80 mm no mesmo período.

Co obxectivo de garantir a seguridade das persoas e dos bens, a situación foi comunicada pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a través do 112 Galicia aos concellos afectados, deputacións, servizos provinciais, agrupacións de Protección Civil e clubs náuticos. Durante a alerta vermella recoméndase activar os plans municipais de emerxencia ante inundacións.

Suspensión de clases e actividade educativa

Debido á alerta vermella, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as clases e o transporte escolar durante toda a xornada do luns nos centros educativos e escolas infantís do interior de Pontevedra.

Así mesmo, pola alerta laranxa por chuvia, quedan suspendidas as actividades no exterior dos centros educativos nas zonas Noroeste, Miño e Sur da provincia de Ourense. A relación de concellos afectados pode consultarse no portal educativo da Xunta.

Actividade deportiva suspendida

A Secretaría Xeral para o Deporte anunciou tamén a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade que se desenvolva no exterior nas zonas afectadas da provincia de Ourense. A información detallada por concellos e horarios está dispoñible na web de Deporte Galego.

No litoral galego, mantense a suspensión de toda a actividade deportiva no mar debido ao temporal costeiro.

Recomendacións á cidadanía

A Xunta insiste na importancia de extremar as precaucións, evitar desprazamentos innecesarios, non atravesar zonas inundadas nin aparcar nas ribeiras dos ríos. No litoral, recoméndase manterse afastado de diques, rompentes e paseos marítimos, así como revisar amarres e cabos das embarcacións.

Para información actualizada, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 en www.axega112.gal
.

⚙ Configurar cookies
0.22235298156738