A Xunta activa o visor Refúxia-T para localizar illas de calor e posibles refuxios climáticos en Galicia

A Xunta de Galicia puxo en marcha o visor cartográfico Refúxia-T, unha ferramenta destinada a identificar as illas de calor e os espazos que poden funcionar como refuxios climáticos en todo o territorio galego. A iniciativa busca facilitar aos concellos información técnica para planificar actuacións de adaptación ao cambio climático e reducir os efectos das temperaturas extremas sobre a poboación.
O visor, que estará dispoñible a través do Portal de acción climática da Xunta, permite consultar a distribución das zonas urbanas nas que a temperatura da superficie é superior á da súa contorna, así como localizar espazos verdes que poden ofrecer condicións térmicas máis favorables durante os episodios de calor.
Para realizar esta identificación, a ferramenta emprega a metodoloxía científica desenvolvida no marco do proxecto CLIMA 25, incluído no Plan PIMA Refuxios Climáticos. O sistema combina técnicas de teledetección, intelixencia artificial, medicións ambientais sobre o terreo e criterios ecolóxicos e de biodiversidade.
En concreto, Refúxia-T identifica mediante imaxes de satélite aquelas zonas con vexetación situadas no medio de áreas urbanizadas que presentan unha temperatura polo menos 0,7 graos inferior á media urbana das proximidades. Estes lugares, entre os que se poden atopar parques, xardíns e outras zonas verdes, contribúen a reducir a exposición ao sol e proporcionan ambientes máis frescos durante o verán.
A activación do visor supón o inicio dunha fase de traballo na que os concellos poderán identificar e avaliar os posibles refuxios climáticos existentes nos seus territorios. Esta información servirá como punto de partida para desenvolver a futura Rede galega de refuxios climáticos, unha iniciativa que pretende organizar e dar visibilidade aos espazos dispoñibles, detectar as zonas nas que é necesario actuar e favorecer a creación de novos lugares de protección fronte ás temperaturas extremas.
A previsión da Xunta é que Refúxia-T vaia ampliando as súas funcionalidades progresivamente ata converterse na ferramenta cartográfica de referencia desta rede autonómica. O obxectivo é que permita consultar non só a localización dos refuxios, senón tamén as súas características, os horarios, as condicións de acceso e os servizos que ofrecen.
Paralelamente, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático elaborou a Guía metodolóxica da Rede galega de refuxios climáticos, que establece uns criterios técnicos comúns para identificar, avaliar e validar estes espazos por parte das administracións municipais, así como para preparar a súa futura incorporación á rede.
O documento diferencia entre refuxios climáticos exteriores e interiores e recolle os requisitos mínimos que deberán cumprir para poder formar parte da iniciativa. Tamén establece criterios de calidade que permitirán valorar os servizos adicionais que ofrecen e identificar posibles melloras.
Ademais, para impulsar a creación e ampliación destes espazos, a Xunta contempla a posibilidade de establecer futuras liñas de axudas destinadas tanto á habilitación de novos refuxios climáticos como á adecuación e mellora dos xa existentes. Deste xeito, o Goberno galego pretende avanzar cara a un sistema coordinado que permita reforzar a protección da cidadanía ante o aumento das temperaturas.