A Xunta activa mañá a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra

A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra, con vento do sur de forza 8 e ondas de ata seis metros
temporal-A-Mariña
4 Nov 2025

A Xunta de Galicia activará para mañá a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

Co obxectivo de garantir a seguridade das persoas e dos bens, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais, agrupacións de voluntariado de Protección Civil e clubes náuticos.

A Consellería tamén anunciou, desde a Secretaría Xeral para o Deporte, a suspensión da actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar nos concellos afectados.

En concreto, no litoral da Coruña a suspensión abrangue desde as 09:00 horas do martes ata as 05:00 do mércores, mentres que na costa de Pontevedra será desde as 12:00 do martes ata as 10:00 do mércores.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso comezará mañá pola mañá no noroeste e oeste da costa coruñesa, e estenderase pola tarde ao suroeste do litoral da Coruña e a toda a costa pontevedresa. Agárdase vento do sur con forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata seis metros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, diques, paseos marítimos e zonas de risco, así como de extremar as medidas de seguridade nas actividades no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

⚙ Configurar cookies
0.28629183769226