A Xunta activa unha liña de préstamos sen xuros para facilitar aos concellos pequenos o acceso a fondos Feder

O Consello da Xunta aprobou a posta en marcha dunha liña de préstamos sen xuros destinada aos concellos galegos de menos de 20.000 habitantes, co obxectivo de facilitarlles o acceso a actuacións financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
A iniciativa, elaborada pola Consellería de Facenda e Administración Pública, contará cunha dotación de 20.370.709,33 euros e busca apoiar as entidades locais de menor tamaño, facilitándolles financiamento público reembolsable en condicións non onerosas para facer fronte á achega municipal esixida, que representa o 40 % do custo total das actuacións. Con esta medida, a Xunta pretende tamén garantir a execución efectiva dos proxectos financiados con fondos europeos.
A liña de préstamos publicarase no Diario Oficial de Galicia durante a primeira semana de setembro e establecerá o réxime de concesión, formalización, seguimento e control das operacións. Ademais, incorporará mecanismos de garantía para asegurar a devolución das cantidades mediante retención no Fondo de Cooperación Local, de acordo coa autorización expresa que deberá figurar no acordo municipal e no correspondente convenio de colaboración.
Os préstamos estarán destinados a financiar actuacións incluídas nos plans de actuación integrados (PAI), un instrumento de planificación municipal orientado ao desenvolvemento urbano sostible e á mellora da calidade de vida desde as perspectivas ambiental, económica e social.
Cada PAI pode combinar diferentes ámbitos de actuación dentro dun concello, entre eles a transición dixital e a administración electrónica, a transición ecolóxica e a economía circular, a rexeneración urbana de barrios desfavorecidos ou iniciativas relacionadas co patrimonio, a cultura e o turismo sostibles.
O procedemento de concesión será por concorrencia non competitiva, polo que as solicitudes se tramitarán por orde de entrada no rexistro electrónico ata que se esgote o crédito dispoñible.
O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional é un dos principais instrumentos da política da Unión Europea e está orientado a promover un desenvolvemento económico, social e territorial equilibrado mediante o apoio a investimentos con impacto estrutural no territorio.