A Xunta actualiza o protocolo de Alertas Meteorolóxicas deportivas para os deportes acuáticos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello vén de actualizar o protocolo a seguir nas actividades náuticas e acuáticas federadas cando hai unha alerta meteorolóxica. Dáselle así resposta á petición das federacións de diferentes disciplinas que se desenvolven no medio acuático, como vela, remo, piragüismo e surf, co obxectivo de mellorar a precisión na aplicación das alertas en augas interiores ou de zonas resgardadas reforzando o carácter preventivo do sistema.
“Ata agora era un protocolo homoxéneo, que non distinguía por tipo de deportes”, indicou o presidente, quen explicou que esta actualización -que entra en vigor hoxe mesmo – terá en conta “as características específicas” de determinadas disciplinas no caso dos deportes acuáticos. “Poden facerse axustes sen poñer nada en risco”, salientou.
Deste xeito, tal e como explicou, unha das novidades é que no caso de alerta laranxa por choiva suspéndese a actividade do programa Xogade e federada no exterior, agás os deportes náuticos e acuáticos federados. Se se activa unha alerta laranxa por fenómeno costeiro, suspéndese a actividade deportiva do programa Xogade e federada no mar, “salvo no caso dos deportes náuticos que se desenvolvan en augas resgardadas (rías e baías)” e, no caso do surf, nos puntos da costa xeoreferenciados por MeteoGalicia, “establécense uns criterios técnicos para decretar a suspensión” – ondas de 4 metros e vento dun máximo de 47 nós, entre outros-, condicións e parámetros máximos establecidos no novo anexo catro, que se engaden ao protocolo existente, publicado na web de Deporte Galego.
Canto ás vagas de calor, a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade decidirase xunto co Comité Permanente de Coordinación da Consellería de Sanidade na activación de alertas nivel 2 e 3. Nestes casos non haberá restricións para actividades náuticas e acuáticas desenvolvidas en concellos do litoral e nos do interior recomendarase non realizalas nas horas centrais do día, entre as 12.00 e as 17.00 horas.
O protocolo mantense para alertas laranxa de vento en terra, coa suspensión da actividade Xogade e federada no exterior; baixas temperaturas, sen suspensión da actividade deportiva; e neve, coa suspensión total. Tampouco hai cambios no caso das alertas amarelas, en que non hai suspensión, e das alertas vermellas, nas cales si se suspende toda actividade deportiva federada e do programa Xogade.
Os cambios introducidos foron acordados pola Comisión de Alertas Meteorolóxicas, integrada por representantes da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e cos organismos estatais competentes co obxectivo prioritario de garantir a seguridade na práctica deportiva.
A toma de decisións correspóndelle á Comisión de Alertas Meteorolóxicas Deportivas. As accións que se determinan teñen como base o parte de alerta emitido pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) complementado co emitido polo Servizo Meteorolóxico Rexional (MeteoGalicia) advertindo dun fenómeno meteorolóxico adverso. En caso de non coincidencia das previsións entre os partes, as medidas que se aplicarán adáptanse ao máis desfavorable.
A comunicación das decisións adoptadas realízase mediante medios electrónicos e a través das redes sociais pola Secretaría Xeral para o Deporte coa maior previsión posible. Os destinatarios son a Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega), as federacións deportivas de Galicia e as agrupacións deportivas escolares afectadas, así como as instalacións deportivas dependentes da Xunta.