A Xunta actualiza o proxecto de decreto para reducir a contaminación por nitratos en fontes agrarias

Nela contémplase unha moratoria para a instalación ou ampliación de explotacións gandeiras nas superficies cuxa escorrentía flúa cara as augas afectadas pola contaminación de nitratos de orixe agraria na conca do río Limia
vertido-purin-santiago
23 Sep 2026

A Xunta vén de publicar no Portal de Transparencia unha actualización do proxecto de decreto polo que se determinan as actuacións dirixidas a reducir a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias en Galicia.

Así, o proxecto contempla como medida provisional unha moratoria específica para a tramitación e concesión de novas licencias e autorizacións para a instalación das explotacións gandeiras de porcino, bovino ou avícola, así como para ampliar a capacidade das existentes, nas superficies cuxa escorrentía flúa cara as augas afectadas pola contaminación de nitratos de orixe agraria na conca do río Limia. Esta moratoria estará vixente durante un prazo máximo de dous anos e deixará de producir efectos no caso de que se declarasen zonas vulnerables e, polo tanto, se aproben os correspondentes plans de actuación para a súa restauración. Así mesmo, esta moratoria poderá quedar sen efecto no caso de que se acredite que a contaminación deixara de ter unha orixe significativamente agraria.

Desta prohibición quedarían excluídas as explotacións de autoconsumo, aquelas nas que a modificación estivese solicitada antes do día de onte e tamén as solicitudes de autorización de explotacións presentadas por persoas agricultoras mozas.

Trátase dunha actualización feita tras a recepción do borrador de informe definitivo sobre presións do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para determinar as augas afectadas pola contaminación por nitratos de orixe agraria. Sobre este informe, a Xunta de Galicia vén de remitir as alegacións nas que identifica ata 10 puntos nos que se considera que a información incorporada polo Ministerio non é concluínte sobre esa orixe agraria.

Coa actualización do decreto publicada no Portal de Transparencia, séguese avanzando nesta materia e, en particular, contribúese a executar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a contaminación do embalse das Conchas, en Ourense.

Alegacións da Xunta ao informe do Goberno central

No documento de alegacións que a Xunta vén de remitir ao Goberno central identifícanse os referidos 10 puntos nos que se considera que a información incorporada polo Ministerio non é concluínte sobre esa orixe agraria, xa que non permite determinar con suficiente precisión a contribución efectiva das fontes agrarias á contaminación observada. Trátase de puntos de control situados na Costa Ártabra (Valdoviño e Abegondo); Coruña interior (Melide e Santiso); Costa da Morte (Zas); Zona Coruña Centro (Trazo); Rías Baixas (Cambados); e Rías Baixas Sur (Redondela, Vigo e Baiona).

En todos estes casos, a Administración autonómica considera que non queda claramente demostrado que a afección está causada por nitratos procedentes de fontes agraria nuns niveis que xustifiquen as consecuencias legais previstas. Polo tanto, no documento remitido no día de onte arguméntese que a análise de presións e impactos agrarios debe ser o suficientemente concluínte para que quede acreditada a orixe agraria da contaminación.

O proxecto de decreto que agora se actualiza, coa nova información achegada polo Goberno central, ten o obxectivo de concretar como se designan zonas a nitratos de orixe agrícola. Tamén se avanza que a Xunta elaborará códigos de boas prácticas agrarias e definirá programas de actuación para as zonas vulnerables. Cómpre lembrar que, para que unha área sexa declarada zona vulnerable, debe quedar acreditado que na contaminación das augas afectadas teñen unha contribución significativa os nitratos de orixe agraria.

0.34926319122314