A Xunta actualizará a normativa da PAU en Galicia para ir cara un modelo de proba común

A Xunta vén de iniciar no Portal de Transparencia a consulta pública previa para renovar a normativa que regula a organización da PAU (Proba de Acceso á Universidade) en Galicia. Farao mediante unha nova orde a través da que se actualizará e se adaptará a normativa autonómica ao novo marco estatal e se afondará nos mecanismos de organización e coordinación.
Nesta futura orde, cuxos trámites administrativos arrancan agora, establécese que os órganos de coordinación e de organización da PAU serán a Comisión Coordinadora e a Comisión Organizadora, ambos órganos de carácter colexiado onde estarán representadas a Xunta e as universidades. Ademais, establécense os tribunais cualificadores e os grupos de traballo por cada unha das materias obxecto de exercicio.
Esta estrutura terá como finalidade reforzar a coordinación institucional establecendo un novo marco para, por una banda, as funcións estratéxicas e de coordinación xeral e, por outra, as tarefas directamente vinculadas á execución da proba. Paralelamente, trátase de avanzar na converxencia progresiva cara a un modelo de proba común en toda España para favorecer a obxectividade, a igualdade de oportunidades e a coherencia dos procedementos, unha necesidade que Galicia lidera logo de moitos anos de reclamación a nivel estatal dadas as diferenzas na probas en función do territorio.
A Comisión Coordinadora da PAU estará adscrita á Consellería en materia de Educación e encargarase da organización xeral da proba con funcións tales como establecer os criterios xerais da mesma, aprobar os grupos de traballo e os tribunais cualificadores, definir os criterios xerais para a elaboración, avaliación e cualificación dos exercicios das materias, así como os criterios para o deseño das guías de cualificación, fixar e publicar as datas das convocatorias e os horarios dos exercicios, entre outros aspectos.
Estará integrada polas persoas titulares da Dirección Xeral competente en materia de ordenación da etapa de Bacharelato, da Secretaría Xeral de Universidades, da Subdirección Xeral da Inspección Educativa e dos servizos de Avaliación, Ordenación e Orientación, así como os delegados das tres universidades públicas galegas.
No que atinxe á Comisión Organizadora da PAU, encargarase da organización e coordinación entre as universidades e os centros educativos, de designar o Tribunal Único e as comisións delegadas, de propoñer á Comisión Coordinadora o nomeamento dos membros dos grupos de traballo e dos tribunais cualificadores e de organizar e coordinar o seu labor, publicar ao inicio de cada curso os criterios de organización, modelos de exercicio e criterios xerais de avaliación e organizar os procedementos de revisión das probas e resolver as reclamacións, entre outras funcións necesarias.