A Xunta admite o colapso da sanidade tras culpar ás persoas traballadoras das baixas

CCOO esixe solucións urxentes tras o recoñecemento oficial da incapacidade do sistema sanitario galego para reducir as listaxes de espera
Colapso Sergas
7 Feb 2026

As recentes declaracións do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nas que admite que é “difícil” reducir as listaxes de espera debido ao envellecemento da poboación e á falta de persoal médico, confirman, segundo CCOO, o que o sindicato leva anos denunciando: a sanidade pública galega atópase nunha situación de colapso provocada por decisións políticas e non pola actuación das persoas traballadoras.

Estas declaracións contrastan coas afirmacións realizadas polo propio conselleiro días atrás, cando culpaba ás persoas traballadoras en situación de incapacidade temporal do colapso do sistema sanitario.

Desde CCOO lembran que xa rexeitaron esas acusacións, sinalando que o verdadeiro problema reside na presión laboral, na falta de planificación e no progresivo desmantelamento da sanidade pública por parte da Xunta.

“O que agora se presenta como escusa —o envellecemento da poboación e a falta de profesionais— é precisamente o resultado de anos de recortes e precariedade”, afirma Armando Iglesias, secretario de Negociación Colectiva, Saúde Laboral e Transicións de CCOO de Galicia. “Non se pode recoñecer agora a falta de médicos e médicas despois de anos de despedimentos, precarización do emprego e aposta polo modelo privado”.

O sindicato lembra que as listaxes de espera que superan os 190 días para milleiros de pacientes son consecuencia directa do infrafinanciamento do sistema, da saturación da atención primaria e da externalización de servizos. “Cando unha persoa cunha lesión de tres ou catro meses ten que agardar máis dun ano por unha intervención, non é responsabilidade súa esgotar o tempo máximo de baixa, senón dunha Administración que debilitou o sistema público”, sinala Iglesias.

CCOO esíxelle á Xunta que abandone a procura de chibos expiatorios e asuma as súas responsabilidades, reclamando catro medidas urxentes: reforzo inmediato da atención primaria con máis persoal e recursos materiais; redución efectiva das listaxes de espera mediante contratación de profesionais especializados; control rigoroso das empresas en materia de prevención de riscos laborais; e o abandono do modelo privatizador que expulsa profesionais do sistema público.

“Se o conselleiro recoñece que non hai persoal suficiente, debe deixar de culpar as persoas enfermas e traballadoras e aplicar solucións reais. A sanidade pública non se recupera con discursos, senón con investimento e compromiso político”, concluíu Armando Iglesias.

⚙ Configurar cookies
0.29499387741089