A Xunta amplía a dotación do Fondo de Cooperación Local nos orzamentos de 2027

O Goberno galego sinalou que o incremento supera o 8 %, por riba da media da suba das Contas para o vindeiro exercicio
dineiro-cartos-moedas-orzamento
14 Oct 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, anunciaron hoxe que nos Orzamentos para 2027 a Xunta reforzará o Fondo de Cooperación Local que superará por primeira vez os 200 millóns de euros (203), e que continúa na liña de incremento que fai que nos tres orzamentos desta lexislatura o aumento sexa de case o 30 % (28,4 %).

Tras a xuntanza da Subcomisión Permanente do Réxime Económico e Financeiro, o conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou o incremento desta dotación, “un 8,4 % máis que a partida para este 2026, que foi de 187 millóns de euros”.

Miguel Corgos resaltou que, un ano máis, o Goberno galego mantén “o esforzo no financiamento das entidades locais” e que coa aprobación da nova Lei de Administración Local (Lalga) que está en tramitación parlamentaria, “recollemos a meirande parte das demandas da Fegamp”, xa que se reforzan os fondos incondicionados, os que poden usar libremente os concellos para atender as súas necesidades prioritarias, con 20 millóns de euros máis que no modelo actual. Ademais, todos os concellos terán garantida unha cantidade mínima anual de 100.000 euros para gastos fixos.

Mentres non se aproba a Lalga e para facilitar a liquidez dos concellos nos seus investimentos, Miguel Corgos explicou que se acordou no Consello da Xunta “repartir provisionalmente a totalidade do Fondo de Cooperación Local” e se na tramitación parlamentaria da lei houbese algunha modificación, “corrixiríase na liquidación correspondente.”

Nesta liña, Diego Calvo incidiu nas novidades que introduce a nova lei no ámbito do financiamento local. Aos fondos incondicionados engádense outros fondos destinados a concellos que soportan cargas ou necesidades específicas e un fondo dirixido a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico. No caso dos fondos incondicionados, sinalou que o feito de que se pasase dos 118 millóns de euros en 2025 aos 170 para 2027 amosa “o esforzo e o compromiso da Xunta no que se refire ao financiamento dos concellos” e supón un “paso importante” para axudar aos municipios a mellorar a súa capacidade financeira.

O conselleiro de Presidencia sinalou que os cambios incorporados na nova Lalga responden ao afán da Xunta por dar resposta ás necesidades reais dos concellos no marco das súas competencias. Por iso, a Xunta incorporou no proxecto de lei criterios para o reparto dos fondos incondicionados que teñen en conta a realidade galega como o envellecemento ou a dispersión xeográfica.

Cómpre sinalar que Galicia foi unha comunidade pioneira en establecer desde 2011 un instrumento de financiamento estable das entidades locais a través do Fondo de Cooperación Local. Regulado anualmente a través das leis de orzamentos da comunidade, establece un modelo de participación estable das entidades locais nos tributos autonómicos. “A partida do Fondo de Cooperación Local sempre se foi incrementando todos os anos pero, agora, coa nova lei xa se aborda un novo sistema con novos criterios de reparto e se garante tamén un mínimo de 100.000 euros para cada concello”.

Búscase así garantir a suficiencia financeira dos concellos e, mentres o Estado mantén un sistema obsoleto, desde a Xunta estanse a compensar estes desfases con transferencias ás entidades locais tanto co Fondo de Cooperación Local como con outras liñas de axudas específicas.

0.34196901321411