A Xunta anima a descubrir Galicia a través do futuro Camiño do Litoral, un itinerario de 1.300 quilómetros pola costa

A conselleira Ángeles Vázquez presentou en Fitur o Camiño do Litoral, unha senda de 52 etapas que vertebrará a costa galega de norte a sur cun investimento próximo aos 2 millóns de euros.
Galicia Calidades
25 Jan 2026

A Xunta de Galicia anima a descubrir o territorio galego a través do futuro Camiño do Litoral, unha nova ruta deseñada para vertebrar de norte a sur a costa máis extensa de España mediante un itinerario de arredor de 1.300 quilómetros, practicable tanto a pé como en bicicleta.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presentou hoxe esta iniciativa na Feria Internacional de Turismo, onde destacou o potencial turístico do litoral galego e a importancia de poñer en valor a relación histórica de Galicia co mar e co seu patrimonio costeiro.

Dividido en 52 etapas, o Camiño do Litoral discorrerá desde Ribadeo ata Tui e permitirá percorrer Galicia dun xeito sostible, accesible e respectuoso. Para facelo realidade, o Goberno galego prevé investir preto de 2 millóns de euros ao longo de 2026, destinados principalmente a garantir un trazado continuo, seguro e accesible, así como ao deseño e instalación dunha sinalización unificada.

Co apoio da Axencia Turismo de Galicia, a ruta contará cunha identidade visual propia e cunha aplicación móbil, Conecta Litoral, que ofrecerá información detallada de cada etapa, incluíndo contidos sobre flora, fauna, gastronomía local e patrimonio cultural. “A app será a voz que lle diga ao viaxeiro: aquí comeza a túa aventura”, sinalou a conselleira.

Ángeles Vázquez subliñou que esta iniciativa representa “Galicia Calidade” e contribúe a reforzar a oferta turística nun ano clave, como antesala do Xacobeo 2027. Ademais, avanzou que a Xunta abrirá unha rolda de contactos cos concellos costeiros polos que discorre a senda, co obxectivo de incorporar achegas locais e dinamizar a economía destes municipios.

A responsable autonómica puxo tamén en valor os 2.555 quilómetros de costa galega, caracterizados pola diversidade paisaxística das rías, illas e praias, así como polas diferenzas entre as fachadas atlántica e cantábrica. “Galicia é Camiño, Galicia é litoral e Galicia é calidade”, afirmou.

⚙ Configurar cookies
0.29263615608215