A Xunta anima a solicitar as axudas para persoas coidadoras de gando fronte aos ataques do lobo

Desde 2023 estas axudas permitiron contratar a 75 persoas e anunciou que a Xunta destinará preto de 570.000 euros en 2026 para reforzar a prevención fronte aos ataques do lobo.
Ganada
19 Dec 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou a solicitar as axudas da Xunta para a contratación de persoas coidadoras de gando como medida de prevención fronte aos ataques do lobo. Fíxoo durante unha visita a unha explotación de gando ovino no concello de Carral (A Coruña).

Segundo explicou, esta é a cuarta convocatoria desta liña de axudas e cada ano aumenta o número de explotacións solicitantes. Desde a súa posta en marcha no ano 2023, estas achegas permitiron contratar a 75 persoas, cun investimento total de 1,3 millóns de euros.

Ángeles Vázquez indicou que a Xunta destinará en 2026 preto de 570.000 euros a esta iniciativa, que ten como obxectivo apoiar o sector gandeiro extensivo na contratación de persoal para tarefas de pastoreo e manexo das reses, co fin de protexer os rabaños máis sensibles e con maior risco de depredación.

Estas axudas están dirixidas a titulares de explotacións de gando bovino, ovino, caprino e equino incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA). A subvención limita a contratación a unha persoa coidadora por solicitante e permite acceder a achegas de ata 16.500 euros, cun anticipo de ata o 50 % do importe concedido.

A axuda poderá cubrir ata o 100 % dos gastos subvencionables, cun máximo de 1.500 euros por mes de pastoreo a xornada completa. A conselleira subliñou que o Goberno galego mantén o seu compromiso de compatibilizar a actividade gandeira coa presenza e conservación do lobo en Galicia.

Neste marco, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destina tamén 360.000 euros a outra liña de axudas para a prevención de danos, que inclúe a adquisición e mantemento de cans protectores do gando, pastores eléctricos e cercados móbiles electrificados. Ademais, nas vindeiras semanas publicarase unha nova convocatoria para subvencionar a instalación de valados fixos.

Por outra banda, continúa aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas a paliar os danos provocados polo lobo no sector agroganadeiro, que en 2026 contan cun orzamento de preto de 600.000 euros. Estas axudas diríxense a propietarios de gando afectado por ataques comunicados ao teléfono 012 entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.

As contías varían segundo a especie e a idade das reses, oscilando entre os 37,7 euros por un animal ovino ou caprino adulto e os 2.598,7 euros por unha res bovina de raza autóctona de entre 2 e 6 anos. Estes importes poderán incrementarse nun 10 % se se comproba a aplicación eficaz de medidas preventivas. A orde tamén contempla a compensación de gastos veterinarios, eutanasias e abortos derivados dos ataques.

⚙ Configurar cookies
0.45790219306946