A Xunta apoia a proxección nacional e internacional dos creadores galegos en feiras de arte contemporánea

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitará hoxe os expositores das galerías de arte galegas que participan en ARCOmadrid
Anxo M. Lorenzo
7 Mar 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitará hoxe os expositores das galerías de arte galegas que participan en ARCOmadrid, a principal feira de arte contemporánea do país e na que están presentes con apoio da Xunta de Galicia. Esta é unha das tres citas que teñen lugar esta fin de semana en Madrid, xunto con Art Madrid e Uvnt Art Fair.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou "a importancia destas feiras e mercados para promover o talento galego e crear pontes con artistas de todo o mundo". Ademais, subliñou o compromiso do Goberno galego con este sector, que este ano incrementará a súa dotación para colaborar con Contemporánea, a asociación de galerías de arte contemporánea de Galicia.

Neste sentido, Lorenzo avanzou que en abril convocaranse novas axudas para facilitar a participación de galerías e artistas en feiras e mercados de arte. Na última convocatoria, sete galerías galegas obtiveron estas subvencións para asistir a eventos en Miami, Madrid, Bogotá, Londres, París e Lisboa. Estas achegas, das que tamén se poderán beneficiar os participantes nas feiras desta fin de semana, súmanse ao convenio anual coa asociación de galerías para impulsar a creatividade nas artes visuais.

Durante a xornada de hoxe, o director xeral visitará os postos de Ediciones Vilaseco e Galería Noreste, ambas da Coruña, e asistirá á presentación da Bienal Internacional de Arte de Pontevedra. Mañá sábado, achegarase á feira Art Madrid, que celebra a súa 20ª edición e conta coa participación das galerías galegas Metro e Luisa Pita, de Santiago de Compostela, e MoretArt, da Coruña. Pola tarde, visitará a Feria Internacional de Nuevo Arte Contemporáneo Uvnt Art Fair, onde está presente a Galería Treinta, tamén de Santiago de Compostela.

⚙ Configurar cookies
0.11182904243469