A Xunta apoia unha nova edición de Gastro Movida, que chegará este ano ata o Val Miñor e Arousa

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou a cuarta edición de Gastro Movida, que se celebrará os días 5 e 6 de novembro e ampliará o seu alcance con actividades en Vigo, Baiona e Cambados
Gastromovida
1 Nov 2025

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou na presentación da cuarta edición de Gastro Movida, que se celebrará os próximos 5 e 6 de novembro coa finalidade de converter a cidade olívica en capital da gastronomía galega e promover o turismo a través da posta en valor do produto local e o talento profesional.

Ortiz destacou que “as bases de Gastro Movida son moi sólidas e o seu potencial é inmenso; creo nas súas posibilidades de crecemento porque se adapta ao que Vigo é e ao que Vigo necesita”.

A representante autonómica subliñou ademais que Vigo “ten o talento e o produto para ofrecer a mellor receita, elementos necesarios para converterse no punto de referencia nacional para todos os profesionais do sector”, e sinalou o evento como “a panca perfecta para difundir contidos de valor da industria gastronómica”.

Na presentación tamén participaron a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e o director de Gastro Movida, David Suárez, ademais de representantes da hostalería viguesa.

Suárez destacou que a iniciativa reúne “hostalería, produtores, distribuidores e profesionais doutras áreas expertos no sector”, e que o congreso “promove, por encima de todo, o networking real”, converténdose nun “punto de encontro para crear sinerxías e negocio entre empresas e organizacións”.

Pola súa banda, Luisa Sánchez puxo en valor “unha cita que, en tan só tres anos, xa se converteu nun imprescindible do calendario de congresos vigués e que, estou segura, ten un gran futuro por diante”. A vicepresidenta lembrou tamén que a cidade conta con “o mellor produto que existe e os chefs con máis talento”.

O evento incluirá mesas redondas, catas, showcookings, obradoiros e roteiros gastronómicos por Vigo, Cambados e Baiona, con visitas a espazos emblemáticos como Bodegas Martín Códax, o Parador e Castelo de Monterreal, ou o Faro Grande, ademais de percorrer varios quilómetros do Camiño Portugués da Costa desde Baiona ata Cabo Silleiro.

⚙ Configurar cookies
0.32070994377136