A Xunta apoia unha nova edición do Talent Show Megaestrelas como escaparate artístico de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este venres a cuarta edición do certame Talent Show Megaestrelas, unha iniciativa que busca impulsar o talento emerxente da cidade olívica e que contará coas súas audicións os próximos días 3, 10 e 17 de maio no escenario do Centro Vialia Vigo, cunha gran final o 7 de xuño.
Durante o acto de presentación, celebrado na sede da Delegación Territorial da Xunta, participaron Ariel Echeverry, gañador da pasada edición cunha interpretación á batería con tan só sete anos, e a cantante Lucía Samoelle, finalista do 2024, que ofreceron pequenas actuacións ao público presente.
Ana Ortiz destacou a evolución do Talent Show como “un escaparate artístico fundamental para a cidade” e sinalou que o apoio da Xunta busca consolidar este proxecto como plataforma de lanzamento para artistas novos, agora tamén aberta a persoas maiores de idade.
Acompañada polo promotor do certame, Kike Corbacho, director da produtora Linea Press, a delegada animou á cidadanía viguesa a asistir ás audicións, que serán abertas ao público con limitación de aforo.
Xurado profesional e premios diversos
O xurado, formado por profesionais do sector artístico, valorará ás persoas participantes nas categorías de canto, baile, maxia e interpretación.
Os premios inclúen desde a gravación de videoclips e discos, ata formación profesional e experiencias multiaventura. Entre eles, destaca unha bolsa dun ano no Conservatorio Mayeusis para a categoría de cantantes.
No baile grupal infantil (ata 16 anos) e xuvenil (de 16 a 30), outorgarase a gravación dun videoclip, trofeo, diploma e masterclass con Leiredallas. Nas categorías individuais de baile, canto e variedades, o premio inclúe dous días no Ecoparque Multiaventura, un disco, un videoclip musical, trofeo e diploma.
A nova edición de Megaestrelas 2025 promete converterse nun punto de encontro para o talento galego, cunha programación chea de espectáculos e novas voces que buscan facerse un oco no panorama artístico.