A Xunta aposta en 2026 polo eclipse total, o Camiño e a enogastronomía

Galicia presenta en Fitur 2026 unha estratexia turística baseada no eclipse solar total, o Camiño de Santiago e a promoción enogastronómica por todo o territorio.
Eclipse total
22 Jan 2026

A Xunta de Galicia centra a súa oferta turística para 2026 en tres grandes eixos: o eclipse solar total, o Camiño de Santiago e as propostas enogastronómicas distribuídas por todo o territorio. Así o explicou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante a primeira xornada da Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebra estes días en Madrid.

A programación do expositor galego arrancou coa presentación Galicia, porta de entrada da gran eclipse solar 2026, un acontecemento astronómico de grande impacto turístico que poderá verse nunha ampla franxa do país, entre Estaca de Bares e a comarca de Valdeorras, abranguiendo 143 concellos, o que supón o 45,6 % do territorio galego.

Outro dos piares fundamentais da estratexia turística é o Camiño de Santiago. Neste ámbito, presentouse o Camiño Portugués da Costa Inclusivo, no que participou tamén a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz. Durante a súa intervención destacou o carácter inclusivo desta ruta e os datos rexistrados en 2025, cun 80 % de peregrinos estranxeiros, principalmente procedentes de Alemaña, Estados Unidos e Italia. O director de Turismo subliñou que este itinerario é o que presenta un maior crecemento e o terceiro máis percorrido, con preto do 17 % do total.

As rutas xacobeas protagonizaron tamén outras presentacións como Vinte municipios, unha soa voz, da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, e O final é o comezo, Solpor, do Camiño Fisterra-Muxía. Neste contexto, Merelles puxo en valor as melloras nos albergues e a posta en marcha dunha oficina de atención ao peregrino no Camiño de Inverno.

O turismo patrimonial tivo tamén un espazo destacado coa presentación dos 800 anos da consagración da Catedral de Tui, unha efeméride que, segundo indicou o director de Turismo, contribuirá a reforzar a atracción de visitantes nunha zona vencellada ao río Miño e á fronteira con Portugal.

A enogastronomía completou a oferta da primeira xornada en Fitur con propostas como os Itinerarios enogastronómicos de Valdeorras ou a 18ª edición da guía …E para comer, Lugo. Segundo datos do Informe de Turismo Gastronómico en España 2023, máis do 86 % das persoas viaxeiras realizaron polo menos unha escapada gastronómica nos dous últimos anos.

A programación incluíu tamén a presentación Ferrolterra Máxica: tradición e natureza, onde se destacou o papel de eventos como o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, un dos grandes polos de atracción turística desta comarca.

⚙ Configurar cookies
0.28977203369141