A Xunta aposta polo emprendemento e o relevo xeracional na nova edición da Maker Faire Galicia

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola directora da Oficina Económica de Galicia, Natalia Barros, participou hoxe na rolda de prensa de presentación da undécima edición da Maker Faire Galicia, que se celebrará ao longo deste ano en Santiago de Compostela. Durante o encontro déronse a coñecer as principais novidades dun evento que contará con tres xornadas temáticas: o 14 de xuño, o 31 de outubro e o 21 de novembro, todas elas co apoio da Xunta.
Pablo Fernández destacou a traxectoria da Maker Faire Galicia como un dos eventos de referencia na innovación, creatividade e tecnoloxía a nivel estatal e europeo. Subliñou, ademais, a importancia das xornadas dedicadas ao emprendemento e ao relevo xeracional, que contan co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. O obxectivo é amosar proxectos inspiradores á cidadanía e poñer en valor os oficios tradicionais e a transmisión de coñecemento ás novas xeracións.
Neste sentido, o secretario xeral salientou o labor da Rede de polos de emprendemento, con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia e máis de 4.100 proxectos atendidos. Esta rede ofrece asesoramento gratuíto tanto para quen desexe iniciar un proxecto como para quen precise consolidalo.
Tamén fixo referencia ao Bono Remuda, unha medida integrada na orde unificada de autónomos –aberta ata o 30 de setembro–, cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros. Este bono busca facilitar o traspaso de negocios viables, favorecendo a continuidade empresarial no territorio galego con axudas tanto para a persoa que se incorpora ao negocio como para quen o deixa por xubilación.