A Xunta aproba a nova Estratexia Galega de Enfermidades Raras cun investimento de 400 M€

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe da aprobación da Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030, cun investimento de 400 millóns de euros para mellorar a calidade de vida das máis de 5.200 persoas diagnosticadas en Galicia con estas patoloxías. A estratexia inclúe a posta en marcha dun servizo de rehabilitación a domicilio, a incorporación de tecnoloxía robótica nos hospitais e a ampliación do cribado neonatal, o máis completo de España. Organízase en torno a cinco liñas de actuación e un eixo transversal que permitirá avaliar os resultados en saúde das medidas. Tamén se contempla a creación dunha plataforma tecnolóxica, o deseño de protocolos específicos de seguimento e unha guía para mellorar os informes médicos, co obxectivo de facilitar o recoñecemento de graos de discapacidade, dependencia ou incapacidade.