A Xunta aproba a oitava actualización do Plan Básico Autonómico de Galicia

A Xunta de Galicia vén de aprobar a oitava actualización do Plan Básico Autonómico (PBA), un documento que constitúe unha peza clave e dinámica do urbanismo galego. A súa natureza viva require revisións periódicas, e esta nova actualización recolle as novidades lexislativas sectoriais que afectan ao territorio da comunidade.
O PBA foi aprobado inicialmente polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, como un instrumento que complementa o marco lexislativo autonómico cun enfoque de ordenación responsable e sostible do territorio. A súa revisión semestral permite incorporar cambios constantes e identificar os asentamentos de poboación, así como a realidade normativa sectorial e os instrumentos de ordenación territorial.
Esta oitava revisión inclúe actualizacións sobre modelo de asentamento, enerxía, transportes, telecomunicacións, portos, concentracións parcelarias, depuración de augas, patrimonio cultural, costas, minería, servidumes acústicas e lumes.
O Plan Básico Autonómico serviu ademais como punto de partida para a elaboración dos Plans Básicos Municipais promovidos pola Xunta nos concellos de menos de 5.000 habitantes que carecen de planeamento xeral, e continúa sendo unha referencia fundamental tamén para os Plans Xerais de Ordenación Municipal.