A Xunta aproba o Pladiga 2025 con máis investimento en formación, novas funcións operativas e medidas de prevención nos parques naturais

O Consello da Xunta aprobou hoxe a actualización do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) para o ano 2025. Entre as principais novidades destaca un aumento do 19 % no orzamento para a formación do persoal, ata acadar os 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026.
Este investimento permitirá organizar preto de 3.500 accións formativas. A formación estrutúrase en seis programas: cursos monográficos, itinerarios profesionais, adestramento, formación a medios locais, sensibilización cidadá e divulgación escolar.
No ámbito operativo, o Pladiga 2025 incorpora a figura do/a xefe/a de loxística en incendios complexos, que coordinará os medios, comunicacións e loxística no terreo.
O dispositivo contará con máis de 7.000 profesionais, 30 medios aéreos e 380 vehículos pesados. Ademais, ampliarase o tempo de traballo do persoal fixo discontinuo: oito meses en 2025 e nove en 2026.
Como novidade salientable, elaborarase un plan de prevención específico para os seis parques naturais galegos, combinando a protección ambiental coa loita contra o lume. Ademais, impulsarase unha ferramenta de análise do risco de incendio que se probará en Pontevedra e Ourense, no marco do proxecto europeo USE4FOREST.
No ámbito educativo, destaca a nova publicación Os Bolechas. Os incendios forestais, e a continuidade do programa escolar de sensibilización ambiental.
Tamén se actualiza o listado de parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), que en 2025 queda reducido a 26, 14 menos que o ano anterior.