A Xunta aproba o Plan integral de benestar dixital, con un Contrato de vida en liña para fomentar a responsabilidade do alumnado

O Consello da Xunta valida unha folla de ruta con arredor de 50 medidas e un orzamento de 7,4 millóns de euros ata 2030 para promover un uso responsable da tecnoloxía no ámbito educativo.
Educacion Digital
13 Jan 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que o Consello da Xunta aprobou o Plan integral de benestar dixital, que marcará a folla de ruta da Administración autonómica para xestionar de maneira axeitada o uso das tecnoloxías no ámbito educativo.

O documento, elaborado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, inclúe arredor de medio cento de accións estruturadas en cinco eixes e contará cun orzamento de 7,4 millóns de euros para o seu desenvolvemento ao longo de cinco anos, ata 2030.

Segundo explicou Rueda, o plan nace co obxectivo de consolidar os centros educativos como entornos dixitais seguros e saudables, onde a innovación avance da man da protección do alumnado, da igualdade de oportunidades e da defensa dos dereitos e da dignidade das persoas.

A iniciativa pretende reforzar a corresponsabilidade entre escola, familias, administracións públicas e industria tecnolóxica para favorecer unha convivencia equilibrada cos dispositivos dixitais, garantindo o benestar emocional da infancia e da adolescencia, a mellora do rendemento escolar e unha educación híbrida equilibrada.

O Plan integral de benestar dixital aborda o impacto das tecnoloxías en seis ámbitos clave: as condutas de risco e a ciberseguridade, os hábitos de vida saudables, a garantía dos dereitos e valores democráticos, a convivencia escolar e familiar, a aprendizaxe e o desenvolvemento cognitivo, así como a socialización e o desenvolvemento persoal.

Contrato de vida dixital

Entre as medidas máis destacadas atópase a creación do Contrato de vida dixital, un documento de carácter voluntario que será asinado polo centro educativo e o alumnado, de acordo coas familias. Este contrato regulará o uso das tecnoloxías fóra do horario escolar, establecendo compromisos sobre tempos, horarios e usos dos dispositivos dixitais, así como un seguimento do seu cumprimento.

A Consellería facilitará aos centros tanto o modelo de contrato como orientacións específicas para a súa aplicación, incluíndo accións pedagóxicas como retos de desconexión dixital para fomentar un uso equilibrado da tecnoloxía.

Pensamento crítico e formación

O plan tamén prevé programas específicos para desenvolver o pensamento crítico do alumnado, como a iniciativa Na procura da loiada, centrada na alfabetización mediática, a verificación da información e o uso responsable da intelixencia artificial, co fin de detectar e previr a difusión de noticias falsas.

Ademais, deseñarase unha unidade didáctica sobre dereitos dixitais e vulneracións en contornas en liña, así como campañas de sensibilización e actividades educativas vinculadas á protección de datos e ao uso seguro de Internet.

Alianza entre escola e familias

Outro dos piares do plan é o reforzo da colaboración entre as familias e a escola. Entre as medidas previstas figuran o programa Encontros coas familias, con charlas e talleres formativos, e a publicación da guía Clic familiar, con recomendacións prácticas sobre hábitos dixitais saudables.

O Plan integral de benestar dixital inclúe tamén accións de formación específica para o profesorado e iniciativas dirixidas a coidar o benestar emocional dos docentes no proceso de dixitalización educativa.

Segundo destacou Alfonso Rueda, esta folla de ruta dá resposta a unha demanda da comunidade educativa e enmárcase no desenvolvemento da futura Lei de educación dixital de Galicia, actualmente en tramitación, así como noutras medidas como a actualización do programa E-Dixgal ou a prohibición do uso de móbiles nos espazos educativos.

⚙ Configurar cookies
0.3362181186676