A Xunta aproba o Proxecto de lei de loita contra os incendios forestais para a súa remisión ao Parlamento

Rueda afirma que o texto legal aposta por pasar dun modelo de defensa reactiva a outro de loita integral e xestión estratéxica do territorio, introducindo novos conceptos
incendios-bombeiro-forestal-pladiga
9 Nov 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello da Xunta aprobou o Proxecto de lei de loita contra os incendios forestais de Galicia, como paso previo á súa remisión ao Parlamento co fin de proceder ao seu debate e aprobación, que se calcula para “os primeiros meses do vindeiro ano”. O visto e prace do Goberno autonómico prodúcese despois de someter o texto legal á avaliación do Consello Forestal de Galicia.

O presidente da Xunta explicou que a futura norma aposta por un novo modelo de loita integral e xestión estratéxica do territorio, confrontado co anterior paradigma de defensa reactiva, que estaba baseado na limpeza da biomasa nas faixas e infraestruturas preventivas. Así, agora mantense a arquitectura material das faixas, pero intégrase nun sistema máis amplo de planificación e autoprotección.

É dicir, evoluciónase desde o modelo de faixas cara a un de risco territorial, de tal xeito que a prevención deixa de concibirse unicamente como unha rede física e pasa a organizarse segundo unha lóxica de risco, vulnerabilidade, comportamento do lume e estrutura territorial. Isto permite que as medidas preventivas poidan variar “en función do nivel de risco dunha zona ou as características dos terreos” e non ser exclusivamente uniformes, dotando o modelo de maior axilidade e flexibilidade.

Nesta liña incorpóranse novos conceptos, como é o caso da interface urbano-forestal, que se define como aquel terreo urbano, de núcleo rural ou urbanizable con cuberta vexetal, estremeiro co monte. Nesta interface establécese que a aplicación dos criterios para a xestión da biomasa e a retirada de especies se converte nunha obriga legal directa.

Ao tempo, as novas instalacións industriais e gasolineiras en terreos agroforestais ou nesa interface urbano-forestal están obrigadas a dispor dunha rede perimetral de hidrantes para a súa autoprotección e tomas de auga homologadas.

Tamén en relación coa xestión do territorio, foméntanse instrumentos como as paisaxes mosaico ou cortalumes. As primeiras son aquelas que permiten crear descontinuidades estratéxicas de combustible mediante a configuración produtiva do territorio e os segundos establecen áreas delimitadas en puntos estratéxicos (corredores, eixes de serra) para frear grandes incendios coa implantación de actividades agrogandeiras ou a plantación de frondosas autóctonas.

Así mesmo, establécese a posibilidade de duplicar as distancias de xestión de biomasa en zonas estratéxicas, tanto nas denominadas faixas primarias (de protección de infraestruturas como estradas ou liñas eléctricas de alta tensión) como nas secundarias (núcleos de poboación e edificacións), en lugares onde o comportamento do lume sexa especialmente perigoso.

Por outra parte, dótanse os axentes da autoridade (forestais, ambientais ou dos corpos e forzas de seguridade do Estado) da potestade de ditar ordes verbais de execución inmediata sobre o terreo, tales coma o desaloxo de áreas recreativas ou o peche de camiños ante un perigo inminente, sen ter que agardar os trámites administrativos. No que atinxe á época de perigo alto de incendios, amplíase esta para establecela entre o 16 de xuño e o 15 de outubro de cada ano, é dicir, 30 días máis que na actualidade, en que este período abranguía desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro.

Reforzo da protección dos puntos de auga e vixilancia

Outra medida con carácter innovador é a protección estratéxica de puntos de vixilancia e auga. Desta forma, a rede de puntos de auga declárase infraestrutura de seguridade pública estratéxica, o que garante o acceso a calquera servizo de emerxencia, obriga os concellos a instalar tomas compatibles nas súas redes municipais e prohibe calquera uso da auga almacenada neles que non sexa a extinción de incendios. Paralelamente, prohíbese calquera construción ou plantación nun raio de 50 metros ao redor dos postos de vixilancia do lume.

Para incentivar a colaboración con outras administracións e entidades, promóvese a cooperación activa de asociacións e comunidades de montes na vixilancia e detección e regúlanse as subvencións en especie aos entes locais, para que poidan adquirir vehículos e equipos. Na mesma liña, autorízase a concesión directa de axudas por razóns de interese público, social e humanitario no caso de incendios “extraordinarios”.

Xa que logo, o proxecto márcase como grandes obxectivos os de establecer un sistema preventivo vinculado tanto ao territorio como á poboación; fomentar agricultura, gandaría extensiva, silvicultura e xestión forestal, e potenciar especialmente a autoprotección na interface urbano-forestal.

O criterio da nova prevención baséase en cinco premisas. Primeiro, a planificación do risco, de forma que o mapa de risco pasa a ter unha función central: debe integrar, entre outros elementos, a distribución de combustibles, frecuencia histórica de incendios, perímetros de lumes anteriores, factores meteorolóxicos e topográficos, comportamento previsible do lume e a vulnerabilidade dos elementos expostos. Ao tempo, serve de base para determinar zonas de alto risco (ZAR) e zonas estratéxicas de xestión.

En segundo lugar, a xestión da paisaxe, con figuras como as paisaxes mosaico ou os cortalumes, a agricultura, a gandaría e o pastoreo. Terceiro, a xestión forestal preventiva, fundamentada na diversificación, a compartimentación, a silvicultura preventiva e as frondosas autóctonas.

O cuarto piar sería a protección de persoas e infraestruturas mediante faixas de seguridade, xestión da biomasa, retirada de especies, autoprotección ou hidrantes en novas zonas industriais. E, por último, a execución efectiva, con requirimentos, multas coercitivas, execución subsidiaria e actuación urxente.

0.78136014938354