A Xunta, Asaga e Unións Agrarias asinan unha declaración conxunta para reforzar as garantías do sector primario ante o acordo UE-Mercosur

O Executivo galego e as organizacións agrarias reclaman controis reforzados en fronteira, auditorías en orixe e a aplicación efectiva das cláusulas de salvagarda do tratado UE-Mercosur.
Mercosur
15 Feb 2026

A Xunta de Galicia, xunto ás organizacións profesionais agrarias Asaga e Unións Agrarias, subscribiu unha declaración conxunta para esixir unha aplicación reforzada do acordo UE-Mercosur e das súas cláusulas de salvagarda, no caso de que o tratado entre en vigor.

O encontro estivo presidido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e contou coa participación de representantes das dúas organizacións agrarias.

No texto de consenso inclúense peticións moi explícitas dirixidas ás institucións europeas e ao Goberno central. Entre elas, destaca a demanda dun plan reforzado e verificable de controis en fronteira e auditorías en orixe, co fin de garantir que os produtos importados cumpran as mesmas esixencias que se aplican ao sector primario europeo.

Ademais, reclámase que a aplicación práctica do tratado recoñeza a posibilidade de que se produza un dano limitado nunha zona xeográfica concreta, como Galicia, permitindo actuar sen ter que agardar a que exista unha problemática xeneralizada no conxunto da Unión Europea.

A declaración tamén recolle compromisos xa avanzados polo Executivo autonómico, como o reforzo dos controis sobre importacións no ámbito das súas competencias, a creación dunha comisión interdepartamental específica, a posta en marcha do Observatorio de Prezos e o impulso ás estratexias de comercialización exterior e promoción interna dos produtos galegos.

Postura común sobre a PAC post 2028

Durante a reunión tamén se abordou a futura Política Agraria Común (PAC) post 2028. A conselleira lembrou que existe un acordo xeral coas organizacións profesionais agrarias para rexeitar a proposta da Comisión Europea, ao considerar que supón un recorte superior ao 22 % dos fondos e non garante o mantemento dos dous piares actuais: axudas directas e desenvolvemento rural.

A Xunta comprometeuse a continuar traballando en colaboración co sector para defender os intereses da agricultura e da gandería galegas nun contexto marcado tanto polas negociacións da nova PAC como polo acordo comercial con Mercosur.

⚙ Configurar cookies
0.31754899024963