A Xunta asina un acordo con entidades bancarias para financiar a promoción de vivenda pública

O convenio, cunha vixencia de catro anos, facilitará tanto a concesión de préstamos para a promoción e construción de fogares públicos como a subrogación deses préstamos a favor das persoas adxudicatarias.
Vivienda Publica Abanca
11 Nov 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, asinou hoxe un convenio co obxectivo de establecer as condicións de financiamento da promoción, construción e adquisición —mediante subrogación— das vivendas protexidas de promoción pública.

Allegue selou o acordo co director de Negocio Institucional de Abanca en Galicia, José Lino Comesaña, en representación desta entidade bancaria adherida. O convenio terá unha vixencia de catro anos.

O documento define as liñas de colaboración para a concesión de préstamos destinados á construción ou promoción de fogares públicos a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) ou do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Ademais, regula a subrogación destes préstamos a favor das persoas adxudicatarias no caso de que os inmobles teñan por obxecto a venda, contando sempre coa protección permanente.

Este acordo enmárcase no obxectivo do Goberno galego de duplicar nesta lexislatura o parque público residencial, cun total de 4.000 novas vivendas. A Administración autonómica ten xa en marcha, en diferentes fases de execución, arredor de 3.000 vivendas.

A liña de colaboración en materia de financiamento foi aprobada no Consello da Xunta do 29 de setembro, e o convenio marco publicouse no DOG o 15 de outubro, data na que se abriu o prazo para que as entidades financeiras puidesen adherirse.

⚙ Configurar cookies
0.34665298461914