A Xunta asinará convenios con 46 concellos por 5 millóns de euros para paliar os danos dos incendios forestais

A Xunta destina 5 millóns de euros a 46 concellos galegos para reparar infraestruturas, bens municipais e servizos danados pola vaga de lumes deste ano. A maior parte das achegas irán a Ourense, a provincia máis afectada.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que o Consello da Xunta deu luz verde á sinatura de convenios con 46 concellos galegos por un importe total de 5 millóns de euros, destinados a paliar os danos ocasionados polos incendios forestais rexistrados este ano en Galicia.
Segundo explicou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, esta liña de axudas “consolida o apoio da Xunta aos concellos para que reparen o antes posible as infraestruturas afectadas e tamén aos veciños que colaboraron na extinción dos lumes”.
Dos 5 millóns consignados, 4,1 millóns destinaranse a investimentos e os 900.000 euros restantes a gasto corrente. Das solicitudes recibidas, 41 son para cubrir investimentos, das cales 30 recibirán o 100% da financiación, mentres que 38 son para gasto corrente, e 32 cubrirán o custo total.
Entre os gastos subvencionables inclúense as obras de reparación, mantemento ou reposición de infraestruturas, equipamentos ou bens municipais, así como a limpeza e restauración ambiental e o aloxamento da poboación evacuada ou do persoal implicado nos labores de extinción.
A provincia de Ourense concentra a maior parte dos concellos beneficiarios, con 35 municipios, seguida de A Coruña (3), Lugo (3) e Pontevedra (5).
Esta medida forma parte do plan de reconstrución aprobado pola Xunta a finais de agosto para apoiar as zonas afectadas pola vaga de lumes. Rueda lembrou que o Goberno galego xa concedeu e abonou axudas a vivendas, empresas e espazos protexidos, e comprometeuse a que “polo menos o 80% das 1.700 axudas solicitadas por explotacións agrogandeiras e forestais serán pagadas antes de que remate o ano”.