A Xunta avanza nas obras do novo treito da autovía Tui-A Guarda cun investimento de case 18 M€

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou esta mañá as obras do novo treito entre o polígono de Areas e a PO-350, que sumará 3,2 km á AG-42.
Autopista Tui
22 Aug 2025

A Xunta de Galicia continúa a avanzar na execución do novo treito da autovía Tui-A Guarda (AG-42), situado entre o enlace do polígono de Areas e a PO-350, cun investimento próximo aos 18 millóns de euros. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, supervisou esta mañá as obras ao seu paso polos concellos de Tui e Tomiño.

As actuacións, iniciadas en xullo pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xa permitiron completar a limpeza da zona e a mellora do firme dos camiños de servizo en Tomiño. Na actualidade, avanzan os traballos de explanada no treito máis próximo ao polígono de Areas.

Este novo treito sumará 3,2 km á AG-42, dando continuidade á conexión da A-55 co polígono de Areas, posta en servizo o pasado ano. Consta de dúas calzadas separadas por sentidos de circulación cunha mediana de dous metros. Cada calzada terá dous carrís de 3,5 metros e disporá de arcenes exteriores e interiores amplos.

O proxecto prevé duplicar a capacidade do paso inferior de acceso ao polígono de Areas e ampliar a ponte de pedra na PO-350, que actualmente non permite o cruce de dous vehículos pesados. Ademais, o novo treito completarase cos ramais do enlace de Areas en sentido Tomiño, cuxo trazado foi sometido a información pública o pasado 20 de xuño.

A Xunta destaca que esta infraestrutura viaria estratéxica permitirá uns desprazamentos máis seguros e eficientes no Baixo Miño, tanto para vehículos lixeiros como para pesados. A autovía libre de peaxe suporá un investimento global de 188 millóns de euros, incluíndo os treitos xa en servizo. Desde 2009, o Executivo autonómico construíu 220 km novos deste tipo de vías, un 70% máis que hai quince anos.

⚙ Configurar cookies
0.25716495513916