A Xunta celebra o Día Internacional dos Museos con trinta actividades nos centros que xestiona

Os museos xestionados pola Xunta de Galicia ofrecerán durante o mes de maio máis de 30 actividades con motivo do Día Internacional dos Museos, que se celebra cada 18 de maio. Este ano, a conmemoración vínculase tamén ás Letras Galegas, cun programa especial que inclúe visitas guiadas, obradoiros, xornadas nocturnas, música e actividades infantís nas catro provincias.
Baixo o lema "O futuro dos museos en comunidades en constante cambio", esta efeméride destaca o papel transformador destes espazos como axentes sociais. A Xunta quere poñer en valor o compromiso dos seus centros coa inclusión e a accesibilidade cultural, seguindo a liña da Lei de cultura inclusiva de Galicia.
En Santiago, a Cidade da Cultura celebra o sábado 17 unha "Noite no museo" con sesións inmersivas, DJ en directo e degustación de petiscos. Tamén o CGAC e o Museo das Peregrinacións organizan visitas e obradoiros durante a fin de semana.
Na Coruña, o Museo de Belas Artes ofrecerá o obradoiro infantil "Máis alá dos lenzos" e visitas ás exposicións de Barroco e Rexionalismo. O día 24 acollerá un concerto de Son de Camagüey.
En Vigo, o Museo do Mar e o Centro Arqueolóxico Salinae propoñen actividades nas fins de semana, como o obradoiro "Os cabaliños de mar", rutas guiadas ou obradoiros infantís sobre mosaicos e gastronomía romana.
En Ourense, o Museo Arqueolóxico organiza unha visita ao castro de Castromao e charlas sobre arqueoloxía. En Ribadavia, o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño ofrecen concertos os días 15 e 16.
En Lugo, o Museo do Castro de Viladonga programa teatro infantil e outras actividades desde a pasada fin de semana.
Con esta axenda diversa, a Xunta busca seguir impulsando o acceso á cultura en igualdade e achegar o patrimonio museístico a toda a cidadanía.