A Xunta celebra os 25 anos da Federación Galega de Teatro Afeccionado e a súa contribución á creación escénica

A Xunta celebrou na Cidade da Cultura os 25 anos da Federación Galega de Teatro Afeccionado, destacando o seu papel clave na difusión do talento escénico e no impulso do teatro de base en Galicia.
Fegatea
7 Jul 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou este domingo no acto conmemorativo do 25º aniversario da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), que tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela e contou cunha vintena de actuacións a cargo de agrupacións procedentes de toda Galicia.

Durante o evento, López Campos puxo en valor o traballo da federación, á que definiu como “un espazo aberto, de acollida e de difusión do talento escénico”, destacando o seu “papel relevante no impulso dunha cultura teatral de base” e o compromiso das agrupacións que a integran, “que adican o seu tempo libre a facer do teatro unha forma de expresión accesible para todas as persoas”.

Segundo explicou o titular de Cultura da Xunta, “co seu esforzo, xérase un tecido artístico que achega a cultura á cidadanía, fomenta a participación e alimenta a creatividade desde o local”. O conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e pola presidenta da FEGATEA, Chelo Pampillón.

Dúas décadas e media facendo teatro
A Federación Galega de Teatro Afeccionado iniciou a súa traxectoria no ano 2000 co obxectivo de fortalecer o tecido cultural arredor do teatro de base a nivel autonómico. Faino mediante actividades formativas, intercambios, mostras e festivais escénicos que promoven a aprendizaxe, a participación e o encontro entre compañías.

Actualmente, a federación está composta por 63 agrupacións teatrais das catro provincias galegas, o que a converte na maior estrutura do teatro afeccionado en Galicia. Nos últimos anos tamén enfocou parte do seu labor na proxección fóra de Galicia, favorecendo a presenza de compañías galegas noutros puntos do Estado.

⚙ Configurar cookies
0.27723813056946