A Xunta cita a máis de 24.000 rapaces de 19–21 anos para a vacina fronte ao VPH

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, habilitou hoxe o sistema de citación para que máis de 24.000 varóns nados nos anos 2004 e 2005 poidan vacinarse fronte ao virus do papiloma humano (VPH). Deste xeito, amplíase o rango de idade da poboación obxectivo masculina, que pasa dos 18 aos 21 anos.
A vacinación contra o VPH é a medida máis eficaz para previr enfermidades asociadas ao virus, como os cancros orofarínxeos, anais e de pene nos homes, así como as lesións precancerosas e o cancro de cérvix, vulva e vagina nas mulleres, ademais das verrugas xenitais.
En Galicia, o calendario de inmunización infantil xa inclúe de xeito sistemático a administración da vacina aos menores de 12 anos, tanto rapaces como rapazas. Con esta nova ampliación, poderán solicitar cita:
Provincia da Coruña: 10.118 mozos
Provincia de Lugo: 2.417 mozos
Provincia de Ourense: 2.334 mozos
Provincia de Pontevedra: 9.210 mozos
As persoas interesadas poden reservar a súa cita a través da app Sergas Móbil ou chamando ao seu centro de saúde.