A Xunta concede 2.033 novos bonos Alugueiro Mocidade por 11,4 millóns de euros

A Xunta de Galicia vén de resolver e notificar un total de 2.033 novas concesións do Bono Alugueiro Mocidade, cun investimento de 11,4 millóns de euros. As axudas foron tramitadas en apenas unha semana tras a autorización do Consello da Xunta para ampliar a dotación orzamentaria do programa no ano 2025.
A ampliación foi aprobada o pasado martes polo Goberno galego e publicada o venres no Diario Oficial de Galicia (DOG). Segundo informa a Xunta, todas as solicitudes correspondentes a esta nova partida xa foron avaliadas e notificadas ás persoas beneficiarias.
Esta nova achega súmase aos preto de 13 millóns de euros xa executados nesta liña de axudas ao longo do ano, o que eleva o orzamento total do Bono Alugueiro Mocidade en 2025 a máis de 24 millóns de euros. No que respecta ao número de persoas beneficiarias, estas novas concesións engádense ás 2.353 xa adxudicadas con anterioridade.
O obxectivo do programa é facilitar ás persoas menores de 36 anos o pagamento do alugueiro da súa vivenda habitual mediante unha axuda de 250 euros mensuais durante un período máximo de dous anos, sempre que esta contía non supere o importe do alugueiro aboado.
Para acceder á axuda, as persoas solicitantes deben ser menores de 36 anos no momento de presentar a solicitude, dispoñer dunha fonte regular de ingresos e acreditar que estes non superan tres veces o Iprem, fixado en 25.200 euros anuais. Ademais, deben certificar que a vivenda para a que se solicita o bono constitúe a súa residencia habitual.