A Xunta concede 7,6 millóns en axudas para mellorar as redes municipais de saneamento e abastecemento

A Xunta destinou 7,6 millóns de euros a 261 axudas municipais para reparar fugas, reducir vertidos e realizar auditorías de saneamento e abastecemento. Mondariz é un dos concellos beneficiarios.
Abastecemento
9 Oct 2025

A Xunta de Galicia concedeu este ano un total de 261 axudas por un importe global de 7,6 millóns de euros co obxectivo de apoiar aos concellos na execución de auditorías e pequenas obras de mellora nas redes de saneamento e abastecemento municipais.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o concello de Mondariz (Pontevedra), un dos beneficiarios das convocatorias de Augas de Galicia 2025, para coñecer de primeira man os proxectos realizados grazas a estas achegas.

A titular autonómica explicou que, das cinco liñas de axudas convocadas este ano por Augas de Galicia, as máis demandadas foron as destinadas a financiar o 100% do custo de pequenas obras para optimizar os sistemas municipais de abastecemento e saneamento.

A maior partida, 4,11 millóns de euros, distribúese en 103 subvencións de ata 45.000 euros para reparar fugas e perdas de auga. Outros 2,16 millóns destínanse a 53 actuacións para reducir infiltracións e vertidos nos sistemas municipais. Ademais, destínanse 1,3 millóns á realización de 100 auditorías das redes de abastecemento (42) e de saneamento (58), cunha achega individual de 15.000 euros.

Tamén se financiarán tres proxectos en concellos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa para mellorar sistemas de depuración autónomos en pequenos núcleos rurais de ata 15 vivendas, cun investimento total de 40.000 euros.

Ángeles Vázquez destacou que, aínda que as competencias en materia de augas son municipais, o Goberno galego quere apoia-los concellos máis pequenos, que contan con menos recursos, para garantir servizos básicos de calidade e avanzar nos obxectivos ambientais e de eficiencia hídrica.

A conselleira felicitou o Concello de Mondariz polo aproveitamento destas axudas para diagnosticar o estado da súa rede de saneamento, instalar contadores intelixentes, rehabilitar colectores e dixitalizar a estación de bombeo de O Val.

En concreto, Mondariz recibiu 44.438,95 euros para substituír contadores antigos por dispositivos con telelectura nas parroquias de Mondariz, Lougares e Vilar, e outros 33.503,24 euros para rehabilitar colectores e dixitalizar a estación de bombeo. Ademais, xa en 2024, o concello realizara unha auditoría de saneamento financiada con 14.476,44 euros de Augas de Galicia, que serviu de base para planificar as novas actuacións.

⚙ Configurar cookies
0.31515002250671