A Xunta continuará este luns os traballos de limpeza e roza en nove estradas autonómicas en dez municipios

As actuacións, cun investimento de 4 millóns de euros, forman parte do contrato con Seaga para o control da biomasa nas marxes das vías da Xunta
Desbroces Xunta
10 Mar 2025

A Xunta continuará este luns os traballos de limpeza e roza nas marxes de nove estradas autonómicas, ao seu paso por dez municipios das catro provincias galegas. Estas intervencións teñen como obxectivo mellorar a seguridade viaria, previr incendios e facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

Na provincia da Coruña, as actuacións continuarán nas marxes das estradas AC-413 en Ordes, AC-400 en Muros e AC-550 nos concellos de Cee, Noia e Muros. En Lugo, os traballos avanzarán na autovía AG-64, entre Vilalba e Xermade.

En Ourense, as tarefas de limpeza seguirán en marcha nas vías OU-101 e OU-104 en Maceda, e OU-402 en Castrelo de Miño. Pola súa banda, en Pontevedra, a Xunta continuará as actuacións na autovía AG-4.6 e na vía de altas prestacións CG-4.1, que une Moaña e Cangas.

Seguridade viaria e prevención de incendios

As intervencións consisten na roza da vexetación nas marxes das estradas autonómicas, reparación de elementos de valado perimetral e acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas desenvolve este programa no marco do contrato coa empresa pública Seaga, cun investimento total de 4 millóns de euros para este ano e o seguinte. Con esta iniciativa, a Xunta intensifica os seus traballos para previr lumes e reforzar a seguridade viaria, mellorando a visibilidade nas estradas e garantindo un tránsito máis seguro para peóns e ciclistas.

⚙ Configurar cookies
0.085073947906494