A Xunta convoca 300.000 euros en axudas ao audiovisual para impulsar futuros filmes e series

O DOG publica hoxe as bases das subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais, dirixidas a produtoras independentes. O prazo está aberto ata o 9 de xullo.
Axuda Audiovisual
9 Jun 2025

A Xunta de Galicia segue a apoiar o sector audiovisual cunha nova liña de axudas publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Trátase dunha convocatoria dotada con 300.000 euros para o desenvolvemento de proxectos de futuros filmes en formato de longametraxe e series para televisión e plataformas.

Estas subvencións forman parte dun programa integral de apoio ao audiovisual galego, que no que vai de ano suma máis de 6,8 millóns de euros repartidos en nove convocatorias específicas. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reforza así o seu compromiso co fomento do talento, desde a creación ata a comercialización das obras.

A liña publicada hoxe céntrase na fase de desenvolvemento, que inclúe todas as tarefas previas á rodaxe: elaboración de guións, asesoramentos, xestión de dereitos, financiamento, distribución, produción de materiais promocionais e participación en foros profesionais.

As axudas están dirixidas a produtoras audiovisuais independentes, que poderán presentar as súas solicitudes desde mañá ata o 9 de xullo. Para optar a elas, as empresas deberán contar con polo menos un ano de actividade sen interrupcións e contar cun acordo ou precontrato de dirección e/ou guión.

A convocatoria establece axudas de ata o 100 % do orzamento subvencionable, cun máximo de:

30.000 € para longametraxes de animación e series de ficción ou animación,

25.000 € para longas de ficción,

20.000 € para series documentais,

15.000 € para longametraxes documentais.

As solicitudes valoraranse segundo criterios como a promoción do novo talento, a igualdade de xénero, a calidade e orixinalidade do proxecto, o impacto no sector galego e a traxectoria da produtora e do equipo técnico e artístico.

⚙ Configurar cookies
0.20325803756714