A Xunta convoca as axudas para impulsar a corresponsabilidade e incrementar as reducións de xornada por parte dos homes

A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas deste ano para compensar a redución da xornada laboral das familias con fillas ou fillos de ata 3 anos, ou ata 12 anos no caso de que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 %.
O obxectivo desta medida é seguir promovendo a corresponsabilidade no fogar e conseguir que cada vez máis homes soliciten a redución da xornada para o coidado dos menores. A orde está dotada con 620.000 euros, cofinanciados nun 60 % pola Unión Europea a través do Programa FSE Galicia 2021-2027. O prazo para solicitar as axudas estará aberto ata o 14 de agosto.
A Xunta busca fomentar un cambio de tendencia e avanzar cara a unha conciliación real e compartida entre mulleres e homes, promovendo unha repartición máis equilibrada dos tempos dedicados aos coidados e facilitando así a empregabilidade e o desenvolvemento profesional das mulleres.
As axudas están dirixidas a todo tipo de unidades familiares, incluídas as monoparentais, monomarentais, as formadas por persoas do mesmo sexo e tamén os homes en parellas de distinto sexo. Os importes poden ir dos 1.700 aos 3.700 euros, dependendo da porcentaxe de redución de xornada e do número de menores ao seu cargo. O período máximo subvencionable abrangue ata oito meses, entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025.