A Xunta convoca o primeiro Comité Técnico do Mosquito Tigre de 2025 para coordinar accións de control e vixilancia

Sanidade reuniu aos concellos afectados pola presenza do vector e aos organismos implicados para reforzar as medidas de prevención, vixilancia e sensibilización cidadá.
Mosquito Trigre
5 Aug 2025

A Consellería de Sanidade celebrou este luns o primeiro Comité Técnico do Mosquito Tigre de 2025, convocando aos concellos nos que se detectou a presenza deste vector en 2024, así como aos organismos responsables da súa vixilancia e control.

O comité, creado en agosto de 2023 tras a primeira detección en Moaña, serve como espazo de coordinación e intercambio de información entre administracións e entidades implicadas. Nesta ocasión, participaron representantes da Dirección Xeral de Saúde Pública, entomólogos da Universidade de Vigo, Patrimonio Natural, Emerxencias 112-Galicia, área sanitaria de Vigo, Sanidade Exterior, Deputación de Pontevedra e concellos como Moaña, Vigo, Redondela e Vilaboa. Non asistiron Cangas nin O Porriño.

Os técnicos presentaron o balance da campaña 2024, que reflicte unha lixeira diminución da abundancia do mosquito, pero con expansión xeográfica. Avaliarase nos próximos meses se esta tendencia se confirma e a eficacia das medidas preventivas. O informe anual publicarase esta semana na web da Consellería de Sanidade.

Para 2025, acordouse reforzar a vixilancia nos concellos afectados e limítrofes, intensificar as campañas informativas e de concienciación cidadá, continuar co uso da aplicación Mosquito Alert e avanzar na implantación de programas de xestión integrada a nivel municipal, en liña co Plan Nacional de Prevención.

Tamén se anunciou a sinatura dun novo convenio de colaboración coa Universidade de Santiago e a de Vigo, no marco da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC). Sanidade incidiu na importancia da implicación cidadá na eliminación de focos de cría en ámbitos privados e na comunicación de avistamentos para un control máis eficaz

⚙ Configurar cookies
0.20732593536377