A Xunta convocará en xaneiro 2 millóns de euros en axudas para mellorar a imaxe exterior das vivendas

A Xunta de Galicia lanzará en xaneiro unha nova convocatoria de axudas ao fermosismo dotada con 2 millóns de euros, dirixida a particulares para mellorar fachadas, cubertas e muros, cunha contía máxima de 3.000 euros por actuación
Feismo a Xunta
21 Dec 2025

A Xunta de Galicia convocará no mes de xaneiro unha nova orde de axudas ao fermosismo dirixida a propietarios particulares para mellorar a imaxe exterior das súas vivendas e doutros bens. A convocatoria contará cun orzamento de 2 millóns de euros, o dobre que en 2025, e permitirá chegar a máis de 700 persoas beneficiarias en toda Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou este sábado unha vivenda en Arzúa que foi acondicionada grazas ás axudas concedidas en 2023 e 2024, e animou á cidadanía a seguir apostando polo fermosismo como ferramenta para mellorar a paisaxe e reducir impactos visuais no territorio.

A nova convocatoria publicarase a comezos de xaneiro no DOG e o prazo de presentación de solicitudes abrirase a partir do 16 de xaneiro. As axudas permitirán obter ata 3.000 euros por actuación para intervir en fachadas —o tipo de obra máis demandado—, cubertas e muros de peche, así como para a retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe dos inmobles.

A Xunta financiará ata o 70 % do orzamento subvencionable, o que permitirá mobilizar arredor de 3,5 millóns de euros en investimento total. Como novidade, en 2026 poderán solicitar estas axudas non só os propietarios, senón tamén os usufrutuarios das vivendas e bens obxecto da intervención. Ademais, o prazo de presentación abrirase ás 12.00 horas do mediodía, co obxectivo de facilitar a tramitación e avanzar na simplificación administrativa.

Estas axudas están xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio e forman parte da aposta continuada da Xunta de Galicia polo fermosismo. No período 2021-2025 concedéronse preto de 7 millóns de euros que fixeron posible a execución de 2.518 actuacións en inmobles situados en 279 concellos galegos, mobilizando máis de 12 millóns de euros en investimento total.

⚙ Configurar cookies
0.30919122695923