A Xunta dá por controlado o vertido de Tordoia grazas ás barreiras instaladas por Augas de Galicia

A Xunta de Galicia informou de que a afección do vertido causado pola rotura a semana pasada dunha balsa de xurros nunha granxa de Tordoia segue a reducirse debido, en gran medida, á rápida instalación de barreiras filtrantes en varios puntos dos ríos afectados. Así o trasladou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen visitou esta tarde a ponte da Torre, en Trazo, onde Augas de Galicia levantou hoxe o último dique de contención.
Tras lembrar que unha vez tivo constancia do episodio, persoal do organismo hidráulico desprazouse de inmediato ata a zona e adoptou unha serie de medidas para controlar e conter o material contaminante, a responsable autonómica explicou que a efectividade das barreiras queda confirmada cos últimos resultados analíticos, que amosan unha evolución favorable da afección. En concreto, os valores de amonio detectados diminuíron nunhas 40 veces desde o primeiro día, achegándose xa a limiares de normalidade.
Así mesmo, tendo en conta que na última das barreiras instaladas na Torre –a uns 3 quilómetros do río Tambre– o material contaminante aparece xa en suspensión, os técnicos do organismo hidráulico aplicaron hoxe nesta mesma zona unha especie de grava filtrante chamada zeolita para tratar de reducir aínda máis os efectos do amonio. O uso deste material, como explican desde Augas, resulta máis efectivo que as barreiras convencionais cando o vertido empeza a diluírse a xa non se detecta case material sólido.
O obxectivo destas novas medidas é garantir que a contaminación, unha vez superada a última barreira, se dilúa o máximo posible e alcance o caudal do Tambre aínda con menos valores de amonio que os actuais. Ademais, hai que ter en conta que no punto de unión entre o río Lengüelle e o Tambre, a auga limpa mesturarase tamén coa procedente dos tramos afectados, o que contribuirá a reducir aínda máis os valores contaminantes.
En todo caso, cómpre insistir en que a captación de auga da estación de tratamento de auga potable (ETAP) da que se abastece Santiago de Compostela se sitúa aínda a uns 13 quilómetros río abaixo, o que dá unha marxe suficiente para previr con antelación se son necesarias medidas adicionais de protección.
Neste sentido, Augas de Galicia está extremando os traballos de vixilancia e contención do vertido nos distintos tramos afectados e seguirá tomando mostras e realizando medicións nos diferentes puntos de control establecidos para garantir a menor afección e poder contar coa información necesaria para avaliar a adopción das próximas accións.
Así mesmo, as actuacións coordinadas por Augas de Galicia sobre o medio receptor, terán que verse complementadas cunha preparación preventiva do propio sistema municipal de abastecemento. Neste sentido, desde o organismo hidráulico lémbrase unha vez máis que o Concello de Santiago (como administración competente na materia) e a entidade xestora deben facilitar información actualizada sobre as medidas concretas que se están adoptando na ETAP ante este episodio excepcional para garantir o seu bo funcionamiento.
Cómpre lembrar que, tras o incidente, Augas de Galicia mobilizou de inmediato medios e recursos propios para controlar a afección. En concreto, instaláronse sete barreiras filtrantes de palla e varios diques de contención e mobilizáronse seis tractores, dous camións cisterna, unha pala retroescavadora e unha minidumper, así como unha vintena de técnicos e persoal do organismo hidráulico.
O obxectivo deste dispositivo inicial foi tanto conter o avance do vertido como coordinar os labores de retirada dos puríns depositados nas marxes fluviais e de limpeza do leito do río, mentres que os traballos actuais se centran principalmente na aplicación de solucións para reducir aínda máis a afección causada polo material contaminante, que nestes momentos presenta un estado diluído e en suspensión.