A Xunta de Goberno de Santiago de Compostela adxudica por dous anos a Cabalgata de Reis, licitada por primeira vez

O órgano municipal tamén aprobou outras contratacións, subministracións e subvencións, ademais de novos investimentos no ámbito rural e en rehabilitación
Cabalgata
10 Dec 2025

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación, por primeira vez en formato bianual, da Cabalgata de Reis correspondente aos anos 2026 e 2027. O contrato, dividido en dous lotes, supón un investimento global de 435.807,54 euros.

O lote I, relativo á organización integral do evento, inclúe a dirección e contratación artística, a coordinación do voluntariado, a planificación, a preprodución e a produción do espectáculo. Foi adxudicado á empresa Urdime Sociedade Cooperativa Galega cunha oferta de 330.817,46 euros, IVE incluído. Como mellora, a compañía ofrecerá 14 caixas de correos adicionais para os Reis.

O lote II, destinado á subministración en alugueiro das carrozas da Cabalgata, foi adxudicado a Iluminaciones Santiaguesas SL por un importe total de 104.990,08 euros para os dous anos. A empresa achega como mellora 500 quilos adicionais de caramelos sobre o mínimo requirido.

No apartado de contratacións, a Xunta de Goberno adxudicou á empresa Proyfe SL a dirección facultativa, a coordinación de seguridade e saúde, o control arqueolóxico e o control de calidade externo das obras de ampliación da rede de abastecemento nos lugares de Agualada e A Torre (Marantes). A oferta presentada ascende a 50.090,97 euros, IVE incluído. A execución das obras recaerá en HORDESCON SL, cun importe de 768.532,17 euros.

Tamén se aprobou a adxudicación do contrato de subministración de gas natural á empresa Gas Natural Comercializadora S.A., ao abeiro do acordo marco da FEMP. O gasto total ascende a 123.498,52 euros, dos cales 51.570,25 corresponden a 2025 e 71.928,27 ao exercicio 2026.

Así mesmo, adxudicouse á empresa EVELB Técnicas y Sistemas o contrato para a subministración, instalación, configuración e posta en marcha de 44 equipos informáticos destinados a centros socioculturais do ámbito rural. O importe total é de 22.899 euros, IVE incluído, financiado integramente pola Deputación da Coruña no marco do POS+ Adicional 2/2024.

En materia de obras no rural, a empresa HORDESCON SL executará a fase II da rexeneración do pavimento da calzada da rúa de San Martiño, en Aríns, cun investimento de 53.415,26 euros, tamén con financiamento POS+ Adicional 2/2024. Así mesmo, o Concello acordou participar na segunda fase do Plan único de concellos POS+ Adicional 4/2025 da Deputación, cunha subvención de 391.622,75 euros destinada íntegramente á mellora e rehabilitación de vías na zona rural.

En canto ás subvencións nominativas, aprobáronse as seguintes xustificacións: a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (8.000 euros) para o programa “Vacacións en Paz 2025”; a Fundación Monte do Gozo (45.000 euros); a Federación SAÚDE MENTAL-FEAFES Galicia (60.000 euros); e a Fundación Andrea (3.000 euros). Tamén se aprobou a xustificación de 120.000 euros ao Obradoiro CAB SAD.

Ademais, validáronse os expedientes de 15 entidades deportivas beneficiadas pola convocatoria de axudas da Concellaría de Deportes, por un total de 49.223,16 euros.

Finalmente, no ámbito da rehabilitación, aprobouse a concesión inicial dunha subvención de 79.158,49 euros para varias actuacións no edificio situado na rúa Rianxo 2, en Vista Alegre, correspondentes á fase 9 deste ámbito.

⚙ Configurar cookies
0.29828500747681