A Xunta declara a situación 2 no incendio forestal do concello de Calvos de Randín

A Consellería do Medio Rural informa de que se vén de declarar a Situación 2, como medida preventiva, no incendio forestal do concello ourensán de Calvos de Randín, parroquia de Randín. Esta situación operativa de emerxencia decrétase pola proximidade do lume ao núcleo de As Meaus, no concello limítrofe de Baltar. Este incendio iniciouse ás 13,36 horas de hoxe e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 140 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 3 técnicos, 13 axentes, 17 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 8 helicópteros e 9 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.