A Xunta declara Ben de Interese Cultural a música e o baile tradicionais galegos

A Xunta de Galicia vén de declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a música e o baile tradicionais galegos na categoría de patrimonio inmaterial, tras a aprobación do correspondente decreto no Consello da Xunta. Así o anunciou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, quen destacou que esta decisión busca “pór en valor un dos elementos máis importantes da identidade cultural galega: o noso folclore”.
A declaración será oficial nos próximos días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, o que elevará a 794 o número de bens de interese cultural existentes na Comunidade. O decreto outorga o máximo nivel de protección a ambas expresións culturais, recoñecendo o seu carácter inseparable, xa que na tradición galega o baile precisa da música para expresarse.
Este recoñecemento conta cos informes favorables do Museo do Pobo Galego e do Museo Etnolóxico de Ribadavia, así como coas achegas das comunidades e entidades implicadas. Deste xeito, culmina o proceso iniciado en novembro de 2024 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
No expediente destácase a fonda pegada histórica e social da música e do baile tradicionais en Galicia, a súa función como espazo de intercambio, aprendizaxe e sociabilidade, así como a relevancia das asociacións folclóricas e das representacións escénicas como transmisoras e custodias deste patrimonio inmaterial.
Cantareiras, pandereteiras e comunidades portadoras
O decreto subliña tamén o papel central das mulleres no folclore galego, recoñecendo ás cantareiras e pandereteiras como principais depositarias da memoria colectiva e como ponte entre o pasado rural e o presente urbano. Do mesmo xeito, recoñécese a figura da persoa portadora, aquela que conserva e transmite saberes, técnicas e coñecementos vencellados á música e ao baile tradicionais.
Medidas de salvagarda e difusión
A declaración inclúe medidas específicas de salvagarda estruturadas en tres ámbitos: investigación; transmisión, ensino e sensibilización; e protección, conservación e revitalización. Entre elas, destaca a creación dun arquivo audiovisual público en rede, gratuíto e de libre acceso, así como a incorporación de materiais didácticos sobre música e baile tradicionais no ensino formal e non formal.
Ademais, establécese que, transcorridos nove anos desde a declaración, se realizará un estudo de actualización para avaliar o estado deste patrimonio inmaterial e o impacto das medidas aplicadas.